O investigador e alpinista pontés Jerónimo López recibirá o premio honorífico do Pireneos Mountain Film Festival 2026

O alpinista, xeólogo e investigador científico das Pontes Jerónimo López será distinguido co Premio Honorífico do Pirineos Mountain Film Festival 2026, un galardón co que o certame quere recoñecer unha traxectoria marcada tanto polos grandes logros deportivos como polo seu destacado labor científico. O premio chega cando se cumpren cincuenta anos da histórica ascensión ao Manaslu, na que López, xunto a Gerardo Blázquez, se converteu no primeiro español en coroar un dos catorce picos de máis de oito mil metros existentes no planeta.
Ao longo da súa carreira deportiva, Jerónimo López asinou tamén outros fitos relevantes, como as primeiras ascensións españolas ao Hidden Peak, no Karakórum, ou a apertura de rutas emblemáticas en grandes paredes do val de Yosemite, en California. En paralelo á súa faceta como alpinista, desenvolveu unha intensa actividade científica, especialmente vinculada ás rexións polares, ata o punto de presidir o Comité Científico Internacional para a Investigación na Antártida, continente no que participa en proxectos de investigación desde o ano 1988.
O acto de homenaxe celebrarase o xoves 26 de febreiro no Teatro Olimpia, onde terá lugar a entrega do premio ás 20.30 horas. Nesa mesma xornada acollerase a preestrea do documental Himalaya+50. Cambios das montañas máis altas do mundo, unha produción que analiza a evolución dos grandes cumios nas últimas décadas. Ademais, pola mañá, o galardoado impartirá unha conferencia de acceso libre no Palacio Villahermosa baixo o título Antártida, Ártico e montañas: laboratorios do cambio climático, dirixida especialmente ao público novo e ao ámbito educativo.
O director do festival, David Asensio, salientou que a figura de Jerónimo López representa de maneira exemplar os valores que promove o Pirineos Mountain Film Festival, destacando que o recoñecemento supón tamén unha forma de agradecer o seu compromiso coa defensa e o coñecemento do medio natural.
Nado nas Pontes Premio Honorífico do Pireneos Mountain Film Festival 2026en 1951, Jerónimo López é doutor en Ciencias Xeolóxicas, investigador científico e profesor emérito da Universidade Autónoma de Madrid. Ao longo da súa carreira participou en arredor de trinta expedicións ás principais cordilleiras do planeta e ás rexións polares, con numerosas ascensións a montañas de gran dificultade e altitude. A súa traxectoria inclúe varias expedicións ao Ártico e máis dunha ducia á Antártida, colaborando con programas científicos de distintos países.