O Lago das Pontes acollerá un novo campionato galego de campo a través

TerraChaXa
29 Xan 2019

O lago das Pontes acollerá o vindeiro domingo, 3 de febreiro, a partir das 10:30 horas, o LXXXIV Campionato de Galicia Absoluto, Sub23 e Sub20 de campo a través, individual e por equipos masculino.

Durante a rolda de prensa de presentación da competición, que contou coa presenza de Jesús Tembrás, Concelleiro de Deporte e Xuventude do Concello de As Pontes, Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, e Miguel Vilaboy, Relacións Externas do Clube Atletismo Olympo, o concelleiro agradeceu á Federación Galega de Atletismo “darlle ao Concello de As Pontes a oportunidade de organizar un campionato histórico no atletismo galego, que terá unha importante repercusión para a vila, e que nos permitirá amosar o noso compromiso con deportes que contan con menos apoio”.

Tembrás tamén quixo agradecerlle á Federación a homologación do circuíto do lago, ao carón da praia, que permitirá desenvolver outras probas no futuro. Tamén agradeceu a implicación do Clube Olympo coa organización da proba así como o seu compromiso e traballo en prol do deporte de base “para lograr que o atletismo teña no municipio o lugar que lle corresponde”.

Pola súa banda, Miguel Vilaboy, do Clube Olympo, agradeceulle ao Concello das Pontes e á Federación Galega de Atletismo a súa aposta para facer posible que o Campionato de Galicia de campo a través se celebre no municipio e por “contar co club local para participar na organización dun evento desta magnitude e darlle ao atletismo á visibilidade que merece”.

Isidoro Hornillos, da Federación Galega de Atletismo, tamén fixo público o agradecemento ao Concello de As Pontes por “asumir a importante responsabilidade de organizar unha proba con 84 anos de tradición e que tantos éxitos lle ten dado ao atletismo e ao deporte galego”

A proba, na que participarán preto de 600 atletas,procedentes de todos os clubs de Galicia, comezará ás 10:30 horas coa categoría sub20 feminina,ás 11:00 horas disputarase a categoría sub20 masculina e, a partir das 11:35 horas será a quenda para a categoría sénior e sub 23 feminina e, unha hora máis tarde, a categoría sénior e sub 23 homes.

Esta proba será clasificatoria para o Campionato de España por clubs e dela tamén sairán os nomes dos integrantes da selección galega que participarán, o 10 de marzo, no Campionato de España de Federacións de campo a través que se celebrará en Cáceres.

Entre os atletas que participarán neste campionato destacan Manuel Hurtado, Alejo Ares, Esther Navarrete, Paula Mayobre, Sandra Mosquera ou os mozos Adrián Laje, Aldo Rey, Inés Portela, Iván Puentes, Vicente Suárez e Inés Bereijo, entre outros.

Desde o Concello de As Pontes, Jesús Tembrás, invitou a todos os veciños e veciñas do municipio e da comarca a gozar “dunha competición de elite, única en Galicia, nun entorno incomparable e na que se recuperará a esencia e orixes do atletismo do campo a través e no que o público poderá presenciar, practicamente, todo o percorrido dos atletas”.

0.085542917251587