O lago das Pontes acollerá unha nova edición de As Pontes Ecuestre

TerraChaXa
Organizada polo Club Hípico local Prado Ventura, a cita terá lugar o próximo 7 de xuño
as-pontes-ecuestre
21 May 2025

A contorna do Lago acollerá o próximo 7 de xuño a terceira edición de As Pontes Ecuestre. Organizada polo Club Hípico local Prado Ventura, a cita contará un ano máis coa colaboración do Concello pontés e o apoio da Federación Hípica Galega.

O comité organizador avanzaba esta mañá a apertura do prazo de inscrición de xinetes e amazonas no Concurso de Saltos Territorial, no Campionato Galego de Andadura e na I Liga Ferrol-Eume-Ortegal, unha das novidades do certame.

En canto ás inscricións, abertas a través da plataforma web da federación, a organización confía en reeditar os bos rexistros do pasado ano, cando se deron cita na localidade preto de 200 xinetes e amazonas procedentes de toda Galicia e un claro predominio do Norte. As Pontes Ecuestre cumpría así as expectativas e obxectivos cos que nacía hai 3 anos: fomentar a actividade e os deportes ecuestres no municipio e reforzar a promoción como destino turístico ligado ao deporte e á natureza.

Por último, sinalar que todas as competicións que se desenvolverán no evento terán carácter exclusivamente federado, e serán xulgadas por oficiais habilitados pola Federación Hípica Galega. Así mesmo, todos os participantes deberán estar en posesión das súas correspondentes licenzas federativas en vigor para o ano 2025.

⚙ Configurar cookies
0.13913202285767