O lago das Pontes contará cunha xornada de convivencia de fútbol praia

Logo do enorme éxito das xornadas celebradas a tempada pasada, a Real Federación Galega de Fútbol volve poñer en marcha as xornadas de convivencia de fútbol praia co fin de darlle continuidade ao impulso da especialidade en Galicia.
Contando coa colaboración dos seleccionadores galegos, a RFGF leva a cabo un programa específico de promoción e desenvolvemento do fútbol praia que este ano arrinca neste mes de marzo con dúas xornadas a celebrar en Vilagarcía e As Pontes.
A primeira será o luns 30 de marzo, en horario de 10 a 13 horas, na praia Compostela, no Concello de Vilagarcía de Arousa. O martes 31 de marzo, en horario de 10 a 13 horas será a vez da Praia do Lago das Pontes.
Utilizaranse ditas convivencias tamén como preselección para as próximas Seleccións Galegas, que disputarán en xuño na provincia de Cádiz os diferentes campionatos de España de Seleccións Autonómicas.
Desde a RFGF agradécese a participación nestas dúas xornadas a todos os xogadores e xogadoras con licenzas en activo desde a categoría prebenxamín ata a xuvenil.