O luns arracarán as obras de reurbanización da praza do Barreiro nas Pontes

TerraChaXa
O proxecto ten como obxectivo recuperar este espazo emblemático do poboado do Barreiro, transformándoo nun lugar atractivo, inclusivo e ambientalmente sostible
praza-do-barreiro-as-pontes
3 Oct 2025

O Concello das Pontes inicia as obras de reurbanización da Praza do Barreiro o luns, 6 de outubro, que comenzarán co vallado da zona e a retirada dos elementos do parque infantil.

Esta intervención, cun orzamento de 372.644,07 euros financiado pola Deputación da Coruña, e adxudicadas á empresa Construcciones Fego Atlántico SL,  forma parte da estratexia municipal dos últimos anos para mellorar a calidade dos espazos públicos destinados ao lecer e á convivencia cidadá. O proxecto ten como obxectivo recuperar este espazo emblemático do poboado do Barreiro, transformándoo nun lugar atractivo, inclusivo e ambientalmente sostible.

As obras contemplan unha actuación integral destinada a transformar a actual Praza do Barreiro nun espazo público máis funcional, accesible, seguro e sostible. Para iso, defínense varias liñas de intervención que afectan a distintos ámbitos clave. En primeiro lugar, daráselle prioridade á funcionalidade do espazo, reorganizando a súa configuración para fomentar o lecer e a convivencia veciñal. Prevese a creación de novas zonas de estanza e reunión máis acolledoras, así como dunha área de xogos infantís atractiva, todo integrado nunha ampla superficie axardinada, vertebrada por itinerarios peonís que garantan a conexión coa contorna e cos edificios residenciais.

Ademais, mellorarase a accesibilidade, eliminando as barreiras físicas que dificultaban o tránsito, especialmente para persoas con mobilidade reducida. Deseñaranse percorridos accesibles conforme á normativa vixente, escollendo pavimentos seguros e ergonómicos, e facilitando o acceso adaptado a todos os portais das vivendas, garantindo así un espazo inclusivo para toda a veciñanza.

No ámbito da seguridade, o novo deseño busca reducir os riscos asociados ao uso diario do espazo público. Inclúese unha reorganización clara dos elementos urbanos e unha renovación do sistema de iluminación, que mellorará a visibilidade e a percepción de seguridade durante as horas nocturnas.

Paralelamente, apostarase pola eficiencia enerxética mediante a substitución da rede de alumeado por luminarias LED de baixo consumo e alto rendemento, así como coa instalación dunha nova rede de rega automatizada, deseñada para optimizar o consumo de auga e favorecer a sustentabilidade ambiental.

Cómpre salientar tamén a mellora da calidade ambiental coa incorporación de especies vexetais autóctonas, resistentes e de baixo mantemento. Estas zonas verdes permitirán mellorar o confort térmico, ofrecer sombra nos meses máis cálidos e mitigar o impacto do vento e da choiva no inverno, ademais de contribuír á purificación do aire e á permeabilidade do terreo.

Finalmente, o proxecto inclúe un equipamento urbano sostible, con bancos, papeleiras e elementos de xogo fabricados con materiais reciclados e reciclables. Estes elementos, ademais da súa resistencia e durabilidade, contribúen a reforzar os principios de economía circular e respecto polo medio ambiente.

Esta intervención supón un paso máis na aposta do Concello das Pontes por construír unha vila máis amable, accesible e verde, na que os espazos públicos sexan lugares de encontro, descanso e benestar para toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.097759962081909