O luns arrancan en Vilalba os campamentos de verán do Concello

TerraChaXa
Na primeira quenda das actividades estivais, en horario de 9:00 a 14:00 participarán 44 nenos e nenas de entre 5 e 12 anos
campamento-veran-vilalba
27 Jun 2025

O Concello de Vilalba, a través da concellería de Infancia e Xuventude, promove unha nova edición dos campamentos de verán municipais como ferramenta clave no apoio á conciliación das familias vilalbesas.

A primeira quenda das actividades estivais, que terá como fío condutor “a misión ao espazo”, arrancará o vindeiro luns, 30 de xuño. Unha xornada na que comezarán a súa aventura 44 nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, que gozarán dos campamentos de verán ata o 24 de xullo.

“Sabemos que o verán é un reto en termos de conciliación para as familias e, precisamente por iso, apostamos un ano máis por uns campamentos de verán que facilitan esta cuestión; á vez que os nenos e nenas gozan, aprenden e socializan nunha contorna segura e estimulante”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

Ademais, a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, explicou que “ofrecéronse medio centenar de prazas en cada unha das quendas, que finalmente se axustaron lixeiramente para garantir unha atención adecuada a nenos e nenas con necesidades específicas, a quen tamén queremos dar resposta desde unha perspectiva inclusiva e de calidade”.

Nesa liña, a segunda quenda, que terá como fío condutor “as olimpíadas máxicas”, contará con 42 participantes -2 deles con necesidades específicas- e celebrarase dende o 28 de xullo ata o 22 de agosto en horario de 9:00 a 14:00 horas, que se poderá ampliar en media hora no caso de familias que precisen o servizo de recollida temperá.

“A programación dos campamentos prima as actividades ao aire libre, así como os xogos e deportes alternativos en equipo; ademais, os nenos e nenas empregarán as piscinas exteriores municipais na maioría das xornadas e contarán con dúas excursións en cada quenda: unha ao parque acuático de Cerceda e outra ao parque de aventura Roqsport de Viveiro”, sinalou a concelleira de Infancia e Xuventude, Paula Vigo.

Finalmente, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, explicou que “a empresa que desenvolverá as actividades será a mesma que o veu facendo durante os últimos 3 anos e nesta edición contará con 5 monitores/as e 1 coordinador/a para o desenvolvemento das actividades”.

⚙ Configurar cookies
0.16086006164551