O luns comezan as obras na Escola Infantil pontesa da Barosa
O Concello das Pontes asinou o contrato de renovación e mellora do edificio da Escola Municipal Infantil A Barosa co obxectivo de manter, conservar, mellorar e potenciar o uso dunha instalación cun importante volume de usuarios e unha gran aceptación entre os ponteses.
Este proxecto, adxudicado á empresa Groma Obras S.L, por 59.219 euros, con cargo POS+2018, permitirá mellorar o acceso principal á escola infantil e ampliar a carpintería na rampla de entrada para crear unha protección contra o vento e a choiva.
As obras de acondicionamento inclúen a substitución dos pavimentos da rampla de acceso, do corredor interior e da súa zona anexa así como o acondicionamento do patio exterior co obxectivo de potenciar o seu uso, instalando céspede artificial e pavimento continuo de caucho. Todas estas actuacións levaranse a cabo sen afectar á accesibilidade do centro, executándose todos os accesos, percorridos e patios a nivel.
Por outra banda, tamén se mellorará a estética da fachada mediante a instalación de paneis decorativos e procederase a substitución de fiestras e portas para garantir unha maior eficiencia enerxética.
Os traballos de renovación e mellora do edifico da Escola Infantil Municipal A Barosa comezarán o luns, 13 de agosto, e estarán rematados antes do inicio do curso escolar.