O luns comezan nas Pontes as obras nas rúas Saúde e Ourense

TerraChaXa
16 Feb 2019

O Concello das Pontes comezará o luns, 18 de febreiro, as obras de acondicionamento e mellora da accesibilidade das beirarrúas da rúa Saúde e da rúa Ourense, iniciando os traballos no tramo comprendido entre a rúa Reitoral e o paso de peóns situado fronte ó centro de saúde, na súa marxe dereita.
Este proxecto permitirá o acondicionamento das actuais beirarrúas, con melloras na pavimentación e na accesibilidade, mediante a supresión das barreiras arquitectónicas, a ampliación do ancho das beirarrúas e a creación de vaos peonís adaptados para persoas con mobilidade reducida e invidentes.

O goberno local, a través desta actuación, busca incrementar a funcionalidade, mobilidade e accesibilidade na contorna do centro sanitario “para procurar que o peón teña maior presenza e aumentando a calidade de vida de toda a veciñanza, non só dos residentes nesta rúa, senón de todos os veciños e veciñas que acoden, cada día, ó centro de saúde, facilitando e mellorando o acceso ó mesmo”.

Así mesmo, as obras inclúen a substitución do actual alumeado público por outro de maior eficiencia e aforro enerxético, seguindo as liñas mestras deseñadas polo goberno local para avanzar cara un pobo máis sostible e seguro, e a renovación do mobiliario urbano para contribuír á humanización da zona.

Desde o Concello de As Pontes pídese desculpas á veciñanza polas molestias que poidan ocasionar estes traballos de mellora das rúas Saúde e Ourense e fan fincapé en que as obras non afectarán ó tráfico rodado aínda que, durante o período de execución das obras, non estará permitido aparcar na zona na que se están levando a cabo as actuacións.

A obra, cun orzamento de 90.508 euros con cargo ó Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, continuará, rematada esta primeira fase, coa reforma do tramo que resta, ata a intersección coa rúa Ourense e no tramo da rúa Ourense que comunica a Avenida de Ortigueira coa rúa Saúde.

0.1751229763031