O luns comezará a funcionar o bolardo que regulará o tráfico na rúa Basanta Silva de Vilalba

TerraChaXa
Unha vez finalizadas as festas do Nadal procederase á instalación da nova sinalización vertical e horizontal que complementará esta medida
rua-basanta-silva-vilalba
19 Dec 2025

O Concello de Vilalba anunciou a activación do bolardo electrónico que regulará o tráfico na rúa Basanta Silva, unha medida demandada desde hai tempo polo conxunto da veciñanza residente na zona.

Tras a celebración de varias xuntanzas informativas e unha vez rematados os prazos para o reparto dos mandos de acceso tanto a residentes con garaxe como sen el, o Concello fixou o inicio da regulación do tráfico para o vindeiro luns, 22 de decembro, ás 10.00 horas.

Segundo explicaron, unha vez finalizadas as festas do Nadal procederase á instalación da nova sinalización vertical e horizontal que complementará esta medida. Estes traballos incluirán a definición dos novos horarios de carga e descarga, acordados previamente cos comercios da rúa, a creación dunha reserva de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e a colocación de bolardos fixos adicionais co obxectivo de garantir o cumprimento das novas normas de circulación.

A decisión de avanzar na peonalización da rúa Basanta Silva foi adoptada de común acordo nunha reunión convocada polo propio Concello, na que participaron os veciños e veciñas da rúa, que expresaron de maneira unánime o seu apoio á implantación desta medida, concibida para mellorar a seguridade viaria e a calidade de vida na zona.

⚙ Configurar cookies
0.074559926986694