O Mago de Castropol domina unha competición de billarda pasada por auga

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
O triunfo foi para Navallo, que demostrou unha vez máis as súas artes “máxicas”, semellando domar o vento nas súas quendas de tiro
aberto-de-castropol-billarda
27 Jan 2026

Por Daniel Rodríguez Saavedra

O coñecido como Mago de Castropol confirmou este domingo que vai por todas nunha xornada para o esquecemento no campo da Paloma, en Castropol, marcada pola choiva persistente e o vento constante, que fixeron practicamente imposible a práctica da billarda en condicións normais.

As duras condicións meteorolóxicas reflectíronse nos resultados, xa que só sete palanadores dos 56 participantes lograron superar a barreira dos dez puntos. O triunfo foi para Navallo, que demostrou unha vez máis as súas artes “máxicas”, semellando domar o vento nas súas quendas de tiro ou mesmo utilizalo ao seu favor para empurrar a billarda cara ao varal.

A loita polo podio estivo moi axustada, con tres xogadores separados por un único punto. Nun desempate moi disputado, o trasno Gundar e o avó Félix lograron asegurar a segunda e terceira praza, deixando fóra do caixón ao mozo Marcos.

Na categoría feminina, Cris impúxose capeando como puido as inclemencias do tempo, seguida de Pamela, mentres que o terceiro posto foi para Inés tras sorteo. En infantís, só o bravo Mateo conseguiu puntuar, proclamándose vencedor con solvencia. O segundo e terceiro postos, tamén decididos por sorteo, foron para Antía e Martín.

Na clasificación por equipos, Troitas Bravas volveu demostrar que se move como peixe na auga, mesmo con vento e sarabia, e continúa arrasando no seu elemento. A certa distancia, Madia Leva e Billardeiros Musicais tentan seguir a súa estela.

Coa entrega de agasallos púxose o peche a unha xornada que pasará á historia como unha das máis duras de toda a competición billardeira e coa puntuación media máis baixa que se lembra. Con todo, a serpe multicolor da LNB non se rende e segue sacando peito.

A vindeira cita será o 22 de febreiro en Castro de Ribeiras de Lea.

As clasificacións quedan así:

Individual:

  • Navallo (Troitas Bravas) 107 p.
  • Gundar (Madia Leva) 103 p.
  • Juanki (Troitas Bravas) 102 p. .

Donas:

  • Cris (Castiñeiro Milenario) 68 p.
  • Aroa (Billardeiros Musicais) 46 P.
  • Vanesa (Castiñeiro Milenario) 43 p.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 360 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 339 p.
  • Madia Leva (Lugo) 303 p.

Infantís

  • Mateo (Troitas Bravas) 66 p.
  • Antía (Troitas Bravas) 17 p.
  • Martín (Troitas Bravas) 11 p.
⚙ Configurar cookies
0.077275037765503