O mal tempo obriga a desprazar á praza de abastos a Festa da Castaña de Burela
Este sábado, 8 de novembro, celébrase a V Festa da Castaña organizada pola Concellería de Cultura e a asociación Asadores de Burela. A cita ten lugar na praza de abastos a partir das 19.00 horas.
O edil José Díaz explicou que “aínda que estaba previsto que a festa tivese lugar na praza da Mariña, debido á previsión de mal tempo que dan para mañá trasladamos a celebración á praza de abastos”.
O programa dará comezo ás 17.00 horas cun obradoiro de confección de zonchos (colares de castañas) que se celebrará ata as 20.00 horas. A actividade estará dirixida para os máis pequenos e pequenas por monitoras do Centro Medioambiental Gaia.
Ás 19.00 horas comezará o reparto dos cornetes de castañas acompañadas de viño e bolos preñaos, ao prezo de 2 euros. A festa estará amenizada no apartado musical polo grupo de baile e música tradicional da SCR Ledicia a ACM Arume, que actuarán a partir das 17.30 horas.
Ao remate, a partires das nove e media da noite, sortearanse cinco vales de compra doados pola CCA Burela e unha cea para dúas persoas no restaurante O Sargo.