O Máster de Futbolín de Rábade ultima preparativos e preséntase ao público

A Xunta apoia o XXVII Gran Máster Nacional de Futbolín de Rábade, que se celebra dende este xoves, 2 de abril, ata o sábado 4 no polideportivo municipal.
A asociación Bola Meiga impulsa un ano máis o torneo, que reunirá a máis de 700 participantes procedentes de toda España, entre os que figuran algúns dos mellores xogadores do país.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita xunto coa alcaldesa de Rábade, Remedios González; e o presidente da entidade organizadora, José Manuel Candal, entre outras persoas.
Ao longo das tres xornadas desenvolveranse diferentes modalidades de competicións: combinada, en parado, en movemento, feminina e de dobres mixta. Esta última incorporouse por primeira vez este ano e espertou moito interese, polo que se ampliou o tope de equipos inscritos nesa categoría.
O encontro repartirá 17.000 euros en premios en metálico e trofeos, entre eles un de carácter individual patrocinado pola Xunta para o participante que se clasifique como mellor xogador de Galicia.
Arias felicitou ao colectivo Bola Meiga por situar a Rábade como sede dun torneo de referencia entre os afeccionados ao futbolín a nivel nacional. Destacou a repercusión económica e a oportunidade de promoción que supón para a zona a chegada de tantos visitantes dende todos os puntos do país.