O meirense Andrés Goteira comeza a rodaxe da súa película 'Monstro', ambientada na Terra Chá

TerraChaXa
No reparto da película inclúense importantes nomes do audiovisual galego, como Antonio Durán Morris e Iván Marcos
rodaxe-andres-goteira-monstro
15 May 2025

A pasada semana púxose en marcha a rodaxe de Monstro; a nova película de Andrés Goteira, un director que xa obtivo numerosos éxitos neste xénero coa súa opera prima Dhogs.

Monstro é unha viaxe á fantasía, ao silencio e ao misterio. Un home chega a unha casa illada en plena natureza e decide instalarse nela para escapar da monotonía da cidade. Parece sentirse cómodo na soidade dese estraño fogar ata que descubre que nun misterioso monte próximo á súa casa habita unha antiga criatura.

Nesta longametraxe, Andrés Goteira explora a tensión entre o medo e a identidade a través dunha narración muda. A película leva ao espectador a unha viaxe persoal cruzando a intersección do aburrimento, o illamento e as presións da vida moderna.

No reparto da película inclúense importantes nomes do audiovisual galego, como Antonio Durán Morris e Iván Marcos que coprotagonizan Monstro. Os dous son actores galegos cunha ampla traxectoria.

Morris é unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego e ten participado en producións nacionais de grande popularidade como Los Serrano, Los Hombres de Paco, Hospital Central, El Ministerio del Tiempo, La Familia Mata o Sin Tetas no hay Paraíso ata chegar á exitosa Fariña onde interpretou a Charlín e pola que acadou importantes premios. Iván Marcos participou en series como Matolobos, Fariña, 45 revoluciones e Jaguar, entre outras, e obtivo un premio Mestre Mateo como mellor actor principal pola súa interpretación en Dhogs.

Un 80% de Monstro ródase en plena natureza; en lugares localizados nos concellos de Castro de Rei, A Pontenova, Meira, Becerreá, As Nogais, A Fonsagrada, A Pastoriza, Lugo e Ferrol. O proceso da produción inspírase na calor das cociñas de leña típicas da Terra Chá, centro da colaboración dun equipo moi unido e cunha parte significativa da película rodada en escenarios naturais próximos á comarca de Meira, lugar de orixe da produtora Gaitafilmes.

Esta nova longametraxe de Andrés Goteira está producida por Gaitafilmes en coprodución con Mordisco Films e Indígena Films. Tanto Gaitafilmes como Mordisco Films son produtoras nacidas no rural galego e con estudos de posprodución tamén fora das grandes cidades; Gaitafilmes en Mestre (Ribeira de Piquín) e Mordisco Films en Bóveda. Monstro está financiada pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (AGADIC) e a ICAA e coa participación de RTVE e CRTVG.

Andrés Goteira (Meira, 1983) é director, montador, guionista e cofundador de Gaitafilmes. É técnico de telecomunicacións e técnico de imaxe e son, ademais de ser mestre de FP e Educación Secundaria. Monstro é o seu terceiro traballo como director e chega despois da súa exitosa opera prima Dhogs e do documental Welcome to ma Maison.

⚙ Configurar cookies
0.16449308395386