O mercado das Pontes instala un sistema de control de aforo

TerraChaXa
O Concello das Pontes puxo en marcha un control de aforo dixital no mercado municipal co obxectivo de aumentar a seguridade.
control aforo mercado as pontes
13 Mar 2021

O Concello das Pontes puxo en marcha un control de aforo dixital no mercado municipal co obxectivo de aumentar as garantías de seguridade tanto para a clientela como para os praceiros e praceiras.

A través deste dispositivo o Concello das Pontes busca favorecer o correcto funcionamento do mercado e evitar, no contexto actual, que se poida converter nun punto de transmisión do virus.

“Desde a área de comercio apostamos pola incorporación das novas tecnoloxías para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias xa que o seu uso está a demostrar que é unha das ferramentas máis eficaces para que os veciños e veciñas e os traballadores/as do mercado poidan realizar as súas compras e o seu traballo dunha forma segura” indica Elena López, concelleira de comercio.

Este servizo de control de aforo dixitalizado conta cun sensor que detecta ás persoas que entran no mercado, contabilizando o número que entra e restando o número de persoas usuarias que abandonan a praza.

A clientela que accede dispón de información do aforo en tempo real mediante unha pantalla no acceso, que informa ao visitante se pode pasar ou se o aforo está completo e non se pode entrar no recinto, o que supón un control máis eficiente e permite realizar as actuacións necesarias para garantir o cumprimento da normativa en temas de aforo, fixado nestes momentos no 30% da súa capacidade total.

Elena López lembra aos usuarios e usuarias do mercado, que coa instalación deste servizo, foi necesario reorganizar o fluxo de circulación do mercado, quedando establecida a entrada ao recito pola porta principal e a saída pola porta lateral, con saída ao parque municipal.

0.20176601409912