O Mercado de Nadal deu inicio a un intenso programa festivo en Begonte
Un total de 44 expositores e un gran número de visitantes xuntáronse en Begonte na terceira edición do Mercado de Nadal, que ano a ano segue a crecer sendo xa un referente nas festas.
Produtos artesáns de todo tipo chegados de toda Galicia ocuparon a praza Irmáns Souto Montenegro ofrecendo tamén unha alternativa para os agasallos de Nadal.
A intensa néboa e o frío non desanimaron ao público que se pasou por este mercado que dá inicio oficilamente ao Nadal begontino.
RESTO DO PROGRAMA
O gran acto de inicio será este martes 19, a II Carreira Solidaria San Faiuquiño, organizada polo CEIP Virxe do Corpiño con fins solidarios, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas.
Así, e tamén dentro do programa, entre hoxe e o xoves 21 terán lugar as audicións dos estudantes de música da localidade, na escola de Baamonde. Así, hoxe e o mércores, ás 19.00, será a vez das de percusión. Piano, saxofón, gaita, percusión tradicional e os instrumentos de vento teñen reservado o xoves, tamén ás 19.00 horas. O mércores remata tamén a campaña de recollida de alimentos.
O venres 23 será un dos días grandes para os pequenos da vila pola visita que Papá Noel efectuará aos pequenos ás 17.30 horas para recibir as súas peticións. Será no Concello de Begonte pero é necesaria inscrición previa antes do 20 de decembro.
Tralos días propios de Nadal, o venres 29 terá lugar unha representación teatral a cargo de Os Pinchacarneiros, que porán en escena a obra O achado do castro. Será ás 19.00 horas na casa da cultura.
Dous actos serán os principais co cambio de ano. O día 3 está prevista a tradicional excursión a Xuvenlugo. Para participar nesta viaxe, que ten un prezo de 5 euros, será necesario inscribirse antes do día 30 nas instalacións municipais.
E o prato final das festas de Nadal será a tradicional cabalgata, que se celebrará o xoves 5 a partir das 17.00 horas. Se o tempo o permite haberá percorrido polas rúas. Se non é así, os Reis recibirán aos pequenos no pavillón municipal de Begonte.
Para concluír as festas haberá unha excursión á Lugo o día 7 para ver o partido do Breogán contra o FCB Granada no Pazo dos Deportes a partir das 12.30 horas. Tamén require inscrición previa antes do 3 de xaneiro.