O Mes da Maxia chega a Riotorto
Esta fin de semana segue o 8º Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia. O evento chega os días 15 e 16 de novembro a Riotorto e aos concellos da Mariña-
O día 15 o Mago Rafa deleitará cos seus trucos de maxia aos clientes do Mesón O Mazo de Ferreiravella, de Riotorto; e Pi estará no Rincón do Mis, en Foz. O día 16 o Mago Kiko estará en O Vicedo no restaurante Area Grande e o Mago Teto no Parador de Turismo de Ribadeo.
Na páxina web www.mesdamaxia.com atópanse o listado cos restaurantes participantes así coma os menús que se poderán degustar en cada un deles e os números de teléfono para facer as reservas. Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros. As ceas máxicas comezan ás 21:30 horas e constan de dúas partes, unha con maxia de preto entre prato e prato (máximo 70 persoas) e o espectáculo final (mínimo 20 persoas) que comezará unha vez sexan servidos os cafés. Para menú infantil, vegano, vexetariano e outras opcións ante intolerancias e alerxias a xente pode consultar previa e directamente co establecemento. Recoméndase non deixar a reserva para última hora e facelo canto antes, xa que as prazas son limitadas.