O mes de outubro chega cargado de actividades culturais cos Xoves na Biblio das Pontes

A programación cultural Xoves na Biblio, organizada polo Concello das Pontes e coa colaboración da Deputación da Coruña, ofrecerá durante o mes de outubro unha variada proposta de espectáculos e obradoiros dirixidos ao público familiar. As actividades terán lugar na Casa Dopeso e na Biblioteca Municipal, sempre ás 18:00 horas.
O ciclo comezará este xoves 2 de outubro coa representación teatral Contamos contos de lobos?, a cargo de Teatro Gazafelhos. O día 9 será a quenda de A maga Sarganta, un espectáculo de A Xanela do Maxín dirixido a nenos e nenas a partir dos 4 anos.
O xoves 16 celebrarase o obradoiro O xogo das escritoras, da man de Ela Sabe, pensado para rapaces e rapazas a partir dos 6 anos, que require inscrición previa. A programación continuará o día 30 con Zalaira no Samaín, unha proposta do grupo Picariños tamén con inscrición previa.
Ademais, con motivo da celebración do Día das Bibliotecas, o venres 24 de outubro está previsto o espectáculo Os contos do Lobicán, de Guillermo Carbajo e Victoria Pérez, dirixido a público familiar e que terá lugar na Casa Dopeso.
Con esta programación, o Concello quere fomentar o gusto pola lectura e ofrecer á veciñanza alternativas culturais e de lecer de calidade ao longo de todo o mes.