O Ministerio de Fomento investirá máis de 130.000 euros para o novo aparcamento de Casas Novas en Mondoñedo

TerraChaXa | AMariñaXa
O Ministerio de Fomento vén de aprobar o proxecto promovido polo Concello de Mondoñedo de acondicionamento de tres parcelas para aparcamento na travesía Casas Novas, 3,  ao que destinará un orzamento de 131.
28 Mar 2019

O Ministerio de Fomento vén de aprobar o proxecto promovido polo Concello de Mondoñedo de acondicionamento de tres parcelas para aparcamento na travesía Casas Novas, 3,  ao que destinará un orzamento de 131.174,47 euros.

As fincas obxecto da intervención atópanse dentro do solo urbano do Concello de Mondoñedo e ocupan unha superficie total de 3.976,33 metros cadrados. Son fincas que están en desuso, xa que perderon a actividade agrícola hai tempo. Con este proxecto o Goberno local pretende eliminar o aparcamento de vehículos nas rúas do conxunto histórico, máis despois de limitar o estacionamento nas rúas do centro e na Praza da Catedral.

O proxecto, promovido polo Concello de Mondoñedo, permitirá incrementar en 100 as prazas de estacionamento na cidade.

Detalles do proxecto

Proponse un patio axardinado no que permitir o aparcamento de vehículos, baixo os emparrados dunha pérgola natural axardinada con especies arbóreas, que é o único elemento construtivo planeado. Este elemento ocultará os coches desde o punto de vista visual desde o atrio da igrexa nova. Conservarase a vexetación ornamental e o arborado existente.

As obras afectarán a tres parcelas e levaranse a cabo de maneira que tanto as vías de circulación como as prazas de estacionamento teñan o menor impacto visual posible. A circulación será nunha única dirección, realizándose con firme de zahorra estabilizada, baixo a que se disporá dunha capa de macadam. As prazas proxéctanse con lousa de céspede sobre firme de zahorra e asentada sobre capa de area de mina.

A intervención complétase co axardinamento e plantación de todos os espazos libres con especies de árbores caducifolias autóctonas, propios do bosque atlántico, serval de cazadores, castaño, cerdeira brava, carballo e a instalación de elementos de alumeado público. Inclúese tamén a necesaria sinalización vertical de información, desde os accesos á cidade ata o aparcamento, así como de regulación de circulación no interior do mesmo. A urbanización complétanse coas necesarias obras de recollida de pluviais e alumeado público.

O tempo preciso para realizar as obras é de cinco meses. Previamente o Concello levou a cabo traballos de limpeza e acondicionamento das parcelas.

0.18492579460144