O Ministerio de Transportes rexenera unha vía de Goiriz a petición da alcaldesa vilalbesa

TerraChaXa
Trátase dunha pista de 450 metros de lonxitude que dá acceso ao Polígono Sete Pontes dende a N-634
pista-goiriz-obras-ministerio
A alcaldesa visitando as obras
2 Ago 2024

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible atópase traballando na rexeneración completa do firme dunha vía de servizo na parroquia vilalbesa de Goiriz que dá acceso directo ao Polígono Sete Pontes e cuxa necesidade de arranxo fóra trasladada pola alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.

En concreto trátase da pista que une a N-634 ao seu paso pola parroquia de Goiriz coa Rúa Castiñeiro, de entrada ao Polígono Sete Pontes. Unha vía dunha lonxitude aproximada de 450 metros cuxo estado de deterioro era notablemente salientable, pois acumulaba varias actuacións de rebacheo que, co paso do tempo, converteran a pista en dificilmente transitable.

"Era unha necesidade urxente á que debiamos dar resposta, pois trátase dunha vía de servizo que soporta bastante tráfico pola súa conexión co noso polígono industrial" sinalou a alcaldesa, Marta Rouco, á vez que salientou "a celeridade e o compromiso do Goberno central co noso municipio, quen atendeu a nosa solicitude a través do Ministerio de Transportes na maior brevidade".

Ademais, as actuacións, con cargo aos fondos de xestión directa do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, tamén incluíron a limpeza e apertura de cunetas, que permitirá asegurar a conservación do firme de cara á chegada do inverno e as precipitacións.

0.1500928401947