O ministro Escrivá visitou o Hospital de Castro, que será o primeiro centro de refuxiados de Galicia
José Tomé sinalou o alto valor social do proxecto co que se recuperarán estas instalacións provinciais para uso público, pois a nova dotación prestará asilo ás persoas que teñen que abandonar o seu país ante unha situación de emerxencia.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, visitaron as instalacións do antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, un ben de titularidade provincial que o Goberno do Estado transformará nun Centro de Acollida de Protección Internacional (CAPI). Será o primeiro en Galicia, contará cun recinto de 43.000 metros cadrados cedidos pola institución provincial por un período de 75 anos, e terá capacidade para acoller a 250 persoas.
José Tomé sinalou o alto valor social do proxecto co que se recuperarán estas instalacións provinciais para uso público, pois a nova dotación prestará asilo ás persoas que teñen que abandonar o seu país ante unha situación de emerxencia
O centro de Castro terá espazos comúns, comedor e aulas para obradoiros e actos, así como espazos deportivos deseñados polo Comité Olímpico Español (COE). O Ministerio comezará o vindeiro ano o proxecto de construción ao que destina un investimento de 12M€. A súa posta en funcionamento suporá a creación de entre 20 e 25 postos de traballo directos, e uns 45 indirectos.
Pola súa parte, o ministro Escrivá agradeceu a colaboración da Deputación que fai posible que Galicia, en concreto Castro de Rei, forme parte do proxecto da rede de novos CAPI en España cos que o Executivo central está a crear 5.700 prazas para ampliar e reforzar o modelo estatal de acollida humanitaria e protección internacional, garantindo a capacidade de acollida segundo as necesidades actuais e futuras, e incrementando así a súa eficiencia.
Os proxectos de reforzo da capacidade estatal de acollida enmárcanse dentro do compoñente 22 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Ademais de Castro, o Ministerio poñerá en marcha en España outros centros de acollida en Soria, Mérida, Parayas (Cantabria), Azuqueca de Henares (Guadalajara), Valladolid e Vitoria-Gasteiz. Na actualidade, existen catro centros de refuxiados no país: en Vallecas e Alcobendas (Madrid), Sevilla e Mislata (Valencia).
Recepción en San Marcos e sinatura no Libro de Ouro
Tralo paso pola cidade do Cabe, o Ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, trasladouse á capital lucense para visitar a sede da Deputación, onde foi recibido polo máximo mandatario provincial e asinou no Libro de Ouro da institución.
O presidente desexou que esta visita sexa “a primeira de moitas á provincia e á Deputación”, onde lle manifestou ao ministro que atopará sempre vontade de entendemento e de colaboración para sacar adiante proxectos en beneficio de toda a sociedade. Como agradecemento, José Tomé fíxolle entrega do libro Proxectos para o Hospital Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, e dunha réplica en miniatura de cristal da fachada do Pazo de San Marcos.