O MIT premia un proxecto de transición ecolóxica desenvolvido nas Pontes

TerraChaXa
O seu desenvolvemento levarase a cabo en colaboración directa co Concello das Pontes e coa Deputación da Coruña
vista-as-pontes-endesa-transicion
11 Dec 2025

O Massachusetts Institute of Technology (MIT) outorgou o prestixioso Leventhal City Prize ao proxecto A cunca do río Eume: unha paisaxe enerxética, unha iniciativa destinada a desenvolver novos modelos de transición enerxética ecolóxica, equilibrada e socialmente xusta no Concello das Pontes e no territorio da cunca do río Eume.

Este galardón, que por primeira vez se concede fóra dos Estados Unidos, supón un importante recoñecemento internacional ao papel das Pontes como referente en procesos de descarbonización e reconversión industrial.

O proxecto está liderado por Roi Salgueiro Barrio, arquitecto coruñés e profesor do MIT, xunto con Aurora Armental Ruíz e Stefano Ciurlo Walker, ambos pertencentes ao estudo compostelán Estar, e o enxeñeiro e fotógrafo de arquitectura Luís Díaz Díaz.

O seu desenvolvemento levarase a cabo en colaboración directa co Concello das Pontes e coa Deputación da Coruña, contando ademais coa participación da Fundación RIA, que asumirá tarefas de mediación e gobernanza territorial para garantir unha coordinación eficaz entre administracións, sectores produtivos, comunidades locais e entidades ambientais.

O premio permitirá financiar tres anos de traballo, durante os cales se realizarán labores de investigación aplicada, participación cidadá e prototipado de solucións enerxéticas innovadoras.

A intervención centrarase no ámbito municipal das Pontes e na cunca do río Eume, un territorio estratéxico para demostrar como se pode compatibilizar a produción de enerxías renovables coa preservación dos valores ecolóxicos, paisaxísticos e culturais, especialmente nun contexto tan singular como o do Parque Natural das Fragas do Eume.

A iniciativa desenvolverá un marco territorial para a implantación ordenada de enerxías renovables, buscando conciliar a produción eólica, solar e hidroeléctrica cun uso equilibrado do territorio. Ao mesmo tempo, impulsará tres proxectos piloto de xeración descentralizada que explorarán novas tecnoloxías a pequena escala baseadas en recursos locais, fáciles de manter e capaces de xerar impacto económico e tecnolóxico na contorna.

O proxecto combina así diversificación enerxética, participación da cidadanía, emprego de materiais e empresas de proximidade e un deseño que integra enerxía e paisaxe como compoñentes inseparables dun mesmo sistema territorial.

O Concello das Pontes considera que este recoñecemento internacional supón unha oportunidade histórica para situar o municipio na vangarda da innovación enerxética e da planificación territorial sostible. Ademais, reforza o compromiso do territorio cun modelo de transición baseado no coñecemento, na cooperación institucional e social, e no respecto polos valores ambientais, económicos e culturais que definen a identidade do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.090333938598633