O Mitma subvencionará remodelacións en edificios públicos en sete concellos
As axudas serán para os concellos de Vilalba, que recibe a subvención máis avultada, Antas de Ulla, Portomarín, Rábade, A Pontenova, Pol e A Fonsagrada.
O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) concedeu provisionalmente 307 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación a 381 entidades locais de todas as provincias para a rehabilitación de edificios públicos da súa titularidade, o que implica que as axudas beneficiarán directamente a uns 16 millóns de cidadáns.
Nesta resolución destínanse 3,2 millóns de euros a edificios públicos en sete concellos da provincia de Lugo.
Así, Mitma publicou onte a resolución provisional da convocatoria en concorrencia competitiva da Liña 1 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep local), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
En total, Mitma seleccionou 405 actuacións das 1.065 presentadas polos potenciais beneficiarios do programa: municipios, deputacións, cabidos e consells insulares. Teñen especial relevancia na resolución provisional os municipios de menos de 50.000 habitantes, con 321 proxectos adxudicados, aos que lles corresponde unha axuda duns 186 millóns de euros, sendo a subvención media por solicitude de 579.531 euros. Cabe destacar, que, destes 321 proxectos, 172 están en municipios de menos de 5.000 habitantes, os denominados de reto demográfico.
Tras a publicación da listaxe, as entidades locais seleccionadas dispoñerán dun prazo de 10 días para aceptar expresamente as axudas, antes de que se publique a resolución definitiva.
Concorrencia competitiva
A convocatoria de axudas celebrouse en concorrencia competitiva, o que implica que foron seleccionados os proxectos que maior puntuación alcanzaron segundo a súa calidade, solidez, enfoque integral, innovación, oportunidade e gobernanza. Neste sentido, as actuacións para financiar teñen unha formulación integral, baseándose no principio de calidade da Lei de calidade da Arquitectura, no sentido definido pola Axenda Urbana Española (AUE), e responde os criterios de sustentabilidade, inclusión e calidade estética previstos pola Nova Bauhaus Europea. As actuacións seleccionadas deben garantir a súa recepción de obra, sen observacións nin reparos, antes do 30 de setembro de 2024.
O obxectivo do programa é axudar a mellorar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental, garantindo a redución de máis do 30% do consumo de enerxía primaria non renovable, a accesibilidade, a habitabilidade e a conservación do parque edificatorio.
Os concellos beneficiados son, en primeiro lugar e por orde de cuantía, Vilalba, que recibirá 943.813 euros para a rehabilitación da casa consistorial.
O Concello de Antas de Ulla recibe algo menos, 816.885 euros para poñer en marcha o proxecto de rehabilitación enerxética e acondicionamento da casa da cultura e do seu auditorio.
En Portomarín o proxecto subvencionado, con 415.059 euros, consiste na mellora da eficiencia enerxética do edificio municipal para ser casa da cultural.
Un pouco menos recibirá o Concello de Rábade, 412.220 euros, que se destinarán á seguir acondicionamento o coñecido como Cine Man como local social.
O Concello da Pontenova recibirá 305.070 euros para a rehabilitación enerxética e acondicionamento interior das oficinais municipais na casa consistorial.
En Pol a cuantía é de 297.679 euros e irá destinada á rehabilitación da antiga casa reitoral para un centro social. Na Fonsagrada serán 182.959 euros para convertir en centro cultural a anterior casa consistorial.