O Monte Caxado recibiu dende a súa reapertura máis de 2.000 visitantes

TerraChaXa
O Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes celebrou esta semana o seu segundo ano na súa nova ubicación na zona da Vila.
museo monte caxado as pontes
1 Abr 2021

O Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes celebrou esta semana o seu segundo ano na súa nova ubicación na zona da Vila,  aínda que o Museo como tal ten moitos máis anos, pois naceu alá polo ano 1985. Debido á pandemia, no se fixo ningunha celebración especial, pero si se fixo un balance da súa actividade.

"O primeiro ano moi ben e, o segundo, non tan ben, pois a maior parte do tempo estivemos confinados e o Museo pechado intermitentemente e, cando se abría, como a mobilidade estaba restrinxida, pois non tiñamos moitas visitas", explican dende a entidade. Aínda así, unhas 2.230 persoas pasaron pola sede e, "polos comentarios, quedou satisfeita do que viron e das explicacións recibidas nunha grande maioría".

Por outra banda, o número de pezas expostas incrementouse dende a inauguración no 2019 nun total de 623 pezas, entre as restauradas e as de nova doazón.

Non puideron facer os obradoiros que estaban previstos, nin presentacións de libros e as actividades habituais estiveron limitadas, aínda así participaron en diferentes iniciativas como o programa Vivimos As Pontes, de Radio Eume ou mesmo na páxina web da parroquia; "axudamos a estudantes universitarios en traballos de tipo etnográfico e elaboramos o terceiro caderno do Museo dedicado aos zapateiros que está xa no prelo, ademais de dixitalizar 3.300 fotografías e a documentación", engaden.

0.16456007957458