O municipio de Muras convértese no escenario do Trail das Bestas o 5 de novembro

TerraChaXa
O domingo 5 de novembro o Concello de Muras organiza xunto coa tenda de outdoor de As Pontes Galiorient e a Deputación de Lugo un trail running ou carreira por sendeiros a través do monte.
Algún dos sendeiros do percorrido do Trail das Bestas.
28 sep 2017

O domingo 5 de novembro o Concello de Muras organiza xunto coa tenda de outdoor de As Pontes Galiorient e a Deputación de Lugo un trail running ou carreira por sendeiros a través do monte.

Nesta primeira edición, establécense dúas distancias: unha de 25 quilómetros e outra máis curta, de 16 quilómetros. En calquera caso, trátase de percorridos circulares con saída e meta na área recreativa da Veiga onde se desenvolverá a recollida de dorsais antes da saída dede as oito e cuarto da mañá. As categorías, para ámbalas carreiras, serán: senior masculino ou feminino dende os 18 ata os 45 anos e veterano ou veterana a partir dos 46 anos -tendo en conta a idade do corredor a final do ano-.

A proba permitirá visitar as zonas máis próximas ao río Eume e ao núcleo de Muras. Pensando xa nas vindeiras edicións da proba que o Concello e Galiorient agardan consolidar, serán as zonas de especial interese medioambiental da Serra do Xistral as protagonistas do vindeiro ano; xa que, nesta ocasión, debido a que a proba se realiza no mes de novembro, "as condicións meteorolóxicas con probabilidade de néboas non contribuirían ao bo desenvolvemento da proba". De feito, pensando no frío inverno, a organización resérvase a posibilidade de pedir material obligatorio de abrigo, tal como prenda de abrigo cortaventos ou mallas longas, guantes. Se o parte meteorolóxico indica que haberá precipitacións e temperaturas baixas, a organización obrigará ao uso das prendas que estime oportunas. En caso de que algún corredor non porte co material de abrigo para a súa seguridade, será descalificado ou prohibiráselle a participación na proba.

O percorrido estará marcado con cinta de balizamento, sinais de dirección de plástico nos cruces e sinais de spray biodegradable, en sinal de respecto ao medioambiente. É que este tipo de carreiras que discorren por camiños, sendas e monte aberto caracterízanse pola búsqueda do contacto dos participantes coa natureza e de novos espazos paisaxísticos; polo que prima o respecto polo medio. Neste caso, os preto de 150 participantes que agarda a organización poderán coñecer paisaxes de bosque autóctono. De feito, Pablo López -responsable tamén da organización do Trail das Pontes que este ano celebraba a súa sexta edición o 27 de agosto alcanzando as 330 persoas inscritas- indica que "case tódolos recunchos de Muras contan con atractivos paisaxísticos" aos que a proba, que conta con gran implicación por parte do Concello de Muras, dará "visibilidade".

Ademais, a cita permitirá poñer en valor outro dos potenciais do municipio a través dunha degustación de carne de poldro e vacún ao remate da proba.

Inscricións
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do portal tracktherace por un prezo de 18 euros no percorrido de 25 km e por 15 no de 16 km ata o 30 de outubro. Do 31 de outubro ao 2 de novembro ás dez da noite, o prezo da inscrición será de 22 euros no percorrido máis longo e de 18 no máis curto.

En calquera caso, a inscrición inclúe seguro asistencia sanitaria e R.C., tres avituallentos -2 sólidos e líquidos e 1 líquido na proba longa e 1 sólido e líquido e 1 líquido na proba curta-, camisola oficial da proba, comida final, reportaxe fotográfica en aberto, seguemento gps Track The Race e duchas.

Sistema de GPS tracktherace
Tracktherace é un sistema creado por deportistas e orientado a calquera tipo de evento deportivo outdoor como solución para poder seguir as carreiras a través de Internet, nos nosos smartphones, tablets ou ordenadores. Este sistema permite ver en todo momento o desenvolvemento da carreira, xa que se pode ver o percorrido e a ubicación en cada momento dos corredores.

Pero, tamén resulta ser un elemento de seguridade moi importante, pois en caso de calquera emerxencia temos a todolos participantes ubicados, algo indispensable na época do ano que se fai este trail.

E a nivel regulamentario, contribúe a comprobar que tódolos corredores están a realizar o percorrido marcado; polo que non é necesario establecer controis de paso intermedios.

Por outra banda, e a nivel organizativo, permite mellorar a organización loxística. Por exemplo, coñecer o número de persoas que queda por pasar por controis ou avituallamentos, permite coñecer cando se poden pechar ou saber os corredores que quedan por pasar por aí para recalcular ou reforzar os avituallamentos se fose necesario durante a proba.

E aos espectadores permitiralles seguir a proba dende casa ou calquera outra ubicación; así coma dende a propia área da Veiga en Muras, onde se instalará unha pantalla.

0.17676711082458