O mural de Delio Rodríguez Ces nas Pontes, opta a ser o mellor do mundo xunto a outros 14 de España

TerraChaXa
Esta obra foi a última en incorporarse ao museo ao aire libre As Pontes enPezas situado na praza do Carme
mural-celio-as-pontes
9 Jan 2026

O mural realizado polo artista vigués Delio Rodríguez Ces, que foi distinguido co segundo premio mundial no certame Best of September de Street Art Cities, foi seleccionado agora para alzarse como o mellor mural do mundo do 2025, un premio que xa obtivo o ano anterior outra peza de Fene.

A peza compite con outros 15 grafitis pintados en España, situados en Miaranda de Ebro (Burgos), a cidade de Madrid, Alcalá de Henares e Fuenlabrada (Madrid), La Bañeza (León), Plasencia (Cáceres), Castiñeiro (Ourense), Markina-Xemein (Vizcaya), Fuente Obejuna (Córdoba), Linares (Jaén), Ponteareas (Pontevedra), e Cartagena e Moratalla (Murcia).

As votacións para escoller o mellor do mundo están abertas ata o día 31 de xaneiro e o proceso faise a través de Instagram.

Esta peza foi a última en incorporarse ao museo ao aire libre As Pontes enPezas, na Praza do Carme. O mural premiado rende homenaxe ás festas patronais da vila, celebradas por primeira vez o 16 de xullo de 1741, e que converten As Pontes no único municipio do interior galego que venera á Virxe do Carme.

A creación integra elementos da identidade local, da cultura popular e da gastronomía, unindo pasado, presente e futuro a través da cor e a imaxinación. O mural ocupará a medianeira das vivendas de Calvo Sotelo, grazas á colaboración dos residentes, e compartirá espazo co xa emblemático mural do bandoleiro Toribio, consolidando este punto como un referente artístico da vila.

As Pontes enPezas naceu en 2017 co obxectivo de rexenerar espazos degradados, dignificar o contorno urbano e achegar a arte contemporánea á cidadanía. Desde entón, o proxecto transformou máis de 40 recunchos en auténticas galerías ao aire libre.

0.12482595443726