O mural de Delio Rodríguez Ces, premiado como o segundo mellor do mundo

O mural realizado polo artista vigués Delio Rodríguez Ces foi distinguido co segundo premio mundial no certame Best of September de Street Art Cities, un recoñecemento internacional que sitúa a arte urbana das Pontes entre as mellores do planeta. A distinción non só premia o talento do creador, senón tamén o compromiso da veciñanza, que se mobilizou masivamente para votar, difundir e poñer As Pontes no mapa cultural e artístico mundial.
Esta peza foi a última en incorporarse ao museo ao aire libre As Pontes enPezas, na Praza do Carme. O mural premiado rende homenaxe ás festas patronais da vila, celebradas por primeira vez o 16 de xullo de 1741, e que converten As Pontes no único municipio do interior galego que venera á Virxe do Carme.
A creación integra elementos da identidade local, da cultura popular e da gastronomía, unindo pasado, presente e futuro a través da cor e a imaxinación. O mural ocupará a medianeira das vivendas de Calvo Sotelo, grazas á colaboración dos residentes, e compartirá espazo co xa emblemático mural do bandoleiro Toribio, consolidando este punto como un referente artístico da vila.
As Pontes enPezas naceu en 2017 co obxectivo de rexenerar espazos degradados, dignificar o contorno urbano e achegar a arte contemporánea á cidadanía. Desde entón, o proxecto transformou máis de 40 recunchos en auténticas galerías ao aire libre. Tenreiro avanzou que xa se está a traballar en novos espazos para 2026, co fin de seguir poñendo en valor lugares históricos da vila e consolidar As Pontes como un referente galego da arte urbana.