O museo ao aire libre “As Pontes enPezas” suma un novo mural

TerraChaXa
O artista Delio Rodríguez Ces pinta na Praza do Carme unha obra inspirada nas festas patronais da localidade
novo-museo-as-pontes
14 Aug 2025

O Concello das Pontes incorpora un novo mural ao museo ao aire libre “As Pontes enPezas” cunha intervención que arrinca hoxe na Praza do Carme.

O autor da obra é o artista vigués Delio Rodríguez Ces, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cunha ampla traxectoria no muralismo, recoñecida con galardóns como a beca de produción mural da Escola de Artes Plásticas de Guadalajara (México) en 2010 e o Premio de Intervención Mural da Universidade de Vigo en 2011. Entre os seus traballos figura o mural sobre a lenda do río Eume, situado xunto ao pavillón de deportes da Fraga, así como a súa labor como ilustrador e coguionista do cómic dedicado ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel.

A creación inspírase nas festas patronais da localidade, celebradas por primeira vez o 16 de xullo de 1741, que converten As Pontes no único municipio do interior de Galicia que rende culto á Virxe do Carme. A obra integra referencias á identidade local, á cultura popular e á gastronomía, co obxectivo de enlazar pasado, presente e futuro.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destaca que “con esta nova intervención queremos volver a poñer en valor a arte urbana como motor de transformación social e cultural. ‘As Pontes enPezas’ é moito máis ca murais: é unha maneira de recuperar espazos, de contar a nosa historia e de fortalecer o orgullo de pertenza. Esta homenaxe ás festas patronais é tamén un recoñecemento ao que somos como pobo.”

O mural, que se desenvolve durante seis días se o tempo o permite, ocupa a medianeira do grupo de vivendas Calvo Sotelo, grazas á autorización e colaboración dos residentes. Compartirá espazo co xa coñecido mural do bandoleiro Toribio, sumando atractivo a este enclave.

“As Pontes enPezas” naceu en 2017 co propósito de rexenerar espazos degradados, dignificar o contorno urbano e achegar a arte contemporánea á cidadanía. Desde entón transformou máis de 40 recunchos en auténticas galerías ao aire libre. Tenreiro avanza que “xa se está traballando na procura de novos espazos urbanos para o ano 2026 para, a través da arte, poñer en valor lugares históricos da vila e convertelos nunha sinal de identidade artística das Pontes”.

Con esta nova intervención, o Concello reafirma a súa aposta pola creación artística como ferramenta para preservar a historia e a identidade local, fomentar a participación veciñal e embelecer o espazo público, mantendo As Pontes como un museo aberto para residentes e visitantes.

⚙ Configurar cookies
0.15933799743652