O Museo das Aves e de Cospeito atende unhas 150 persoas mensuais
O Museo das Aves e o Centro de Interpretación de Cospeito atende a unha media de 150 visitantes ao mes, tal e como informa a empresa 2xmil, que xestiona esta infraestrutura.
Tanto no museo como no centro de interpretación, o principal tipo de visitantes son pais con nenos de entre 3 e 8 anos aproximadamente, e sendeiristas. Ocasionalmente tamén se achegan pequenos grupos de turistas e excursións de campamentos e ANPAS de colexios da provincia. No mes de setembro por exemplo, achegáronse ata o Museo e o Centro de Interpretación as Anpas dos colexios Rosalía de Castro, Paradai, Illa Verde, Quiroga Ballesteros e Luis Pimentel de Lugo.
Co paso do tempo dende a apertura foise incrementando o número de visitantes, sobre todo no museo, xa que comezouse a dinamizar tanto o museo como o centro de interpretación.
De feito, están levando a cabo un plan de dinamización para dalo a coñecer, como unha web propia na que se pode facer unha visita virtual ao museo, e tamén dous microsites en redes, unha en Facebook, e outro en Google Sites, con datos actualizados do museo, no que ademais publican contidos relacionados coas aves e o medio ambiente.
Nesta web ofrecen explicacións do que se pode ver referido á historia das aves, a súa morfoloxía, tipos de niños, etc., onde empregan tamén as diversas pantallas interactivas para facer máis dinámica a visita, na que poden ver vídeos dos tipos de vos, rutas migratorias, tipos de cantos, ou facer unha visita virtual á Lagoa, dándolle a oportunidade aos visitantes de utilizalas eles mesmos, e xa o final do percorrido proxectan un vídeo informativo sobre a Lagoa e a importancia dos humidais.
Por outra banda, no centro de interpretación no día a día atenden principalmente as demandas dos visitantes, que soe interesarlles sobre todo información sobre a ruta de sendeirismo da Lagoa, como a distancia, a duración ou a complexidade.
Sen embargo, cando se trata de visitas organizadas, planifícanse actividades, e soen falar sobre a historia de desecación e recuperación da Lagoa, da súa lenda, os tipos de animais que poden observar, a importancia do cardiño da Lagoa e da avefría. Así mesmo, realízanse observacións dende os distintos observatorios repartidos pola ruta, ademais emprégase unha folla que recolle imaxes de diversos animais e plantas que se atopan na Lagoa para que, ao longo da ruta, traten de identificalos.
Albergue
Por outra banda, o mesmo edificio do Museo acolle, na terceira planta, un albergue que leva pechado dende a súa adecuación agás en duas ocasións para actividades do campamento municipal.
Esta instalación conta con 25 literas e servizos e agora ten a súa propia entrada na parte posterior do edificio. O obxectivo do mesmo é a súa utilización para fomentar o turismo ambiental.