O Museo do Castro de Viladonga acollerá un obradoiro de reprodución cerámica

O Museo do Castro de Viladonga organizará o vindeiro 20 de setembro un novo obradoiro baixo o título Do orixinal á réplica, centrado nesta ocasión na reprodución dunha peza cerámica da súa colección. A actividade permitirá ás persoas participantes achegarse ao proceso de creación dunha réplica a partir dos fragmentos conservados e do seu correspondente debuxo arqueolóxico.
A peza escollida é unha cerámica da época castrexa, elaborada a man sobre torno lento ou torneta. A súa decoración componse de dúas filas horizontais de botóns cónicos unidos por liñas oblicuas, un exemplo característico da produción cerámica do tempo.
A encargada de impartir o obradoiro será Sandra Obarrio, da Fundación Terra Termarum, quen guiará as sesións en horario de mañá, de once a dúas, e de tarde, de catro a sete. O número de prazas está limitado a quince persoas, que deberán inscribirse previamente por teléfono e segundo rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia aquelas persoas que aínda non participaran en edicións anteriores desta actividade.