O Museo do Castro de Viladonga celebra o Nadal coa visita de 11 colexios da provincia

LugoXa | TerraChaXa
A programación infantil pecharase o luns coa actuación do mago Rafa
semana-cultural-museo-castro-de-viladonga
14 Dec 2024

A Xunta de Galicia está a celebrar o Nadal Cultural do Museo do Castro de Viladonga, que na presente edición conta coa participación de 11 colexios da provincia. Desde o martes e ata o próximo luns sucédense os espectáculos e as visitas guiadas, como unha forma lúdica de aproximar aos escolares á historia e á cultura castrexa.

No marco desta iniciativa, hoxe sábado, día 14, acollerá un obradoiro gratuíto destinado ás familias para elaborar xoguetes tradicionais e recrear xogos populares. Correrá a cargo da asociación de Muimenta Xotramu, desenvolverase entre as 11:30 e as 13:30 horas, e para asistir é necesario inscribirse no museo -chamando ao teléfono 982 870 160-.

A programación infantil pecharase o luns coa actuación do mago Rafa. Tamén formaron parte do programa Os Jalochos, con A landra viaxeira e o amigo Lambón; Marta Ortiz, con Coser e cantar; Tropa de Trapo, con Contos de nenas grandes e pequenas, e Brais das Hortas, con Zona en obras.

Ademais de desfrutar das actuacións, os escolares realizan visitas guiadas ao castro e ao museo, incluíndo a exposición temporal O acibeche no mundo antigo. Unha aproximación dende o castro de Viladonga.

Amosando a investigación

Esta mostra é froito dun traballo de investigación levado a cabo desde o Museo do Castro de Viladonga e presenta, en primicia, as primeiras análises sobre a composición química do acibeche recuperado no castro, que permitiron confirmar a súa orixe na costa asturiana.

Consta de seis paneis verticais exentos con información en ámbolos dous lados e algunhas das pezas máis significativas da colección do Castro de Viladonga. A exposición foi pensada e creada para ter carácter itinerante, móbil ou portátil, outorgando a oportunidade de que poida chegar a un público variado.

Danse así a coñecer os elaborados aneis do castro de Viladonga, e outro tipo de producións desa época, destacando especialmente as imaxes de pezas como os medallóns tallados co acibeche de Whitby. Outro punto de interese é a presentación dos resultados obtidos coas imaxes e análises do microscopio electrónico de varrido.

Para elaborar esta exposición, técnicos de Viladonga colaboraron con outros investigadores, expertos e asociacións relacionadas co mundo do acibeche, entre os que destacan a asociación Azabache jurásico de Villaviciosa en Asturias, e os consorcios de museos de York e Colchester-Ipswich, en Inglaterra.

0.1624858379364