O Museo do Mar e o resto da Rede provincial retoman as visitas presenciais
A vicepresidenta Maite Ferreiro adiantou que os catro museos da Rede Museística Provincial retomarán as visitas presenciais o vindeiro 26 de xuño. O Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o Museo Pazo de Tor e a Fortaleza de San Paio de Narla volverán recibir público presencialmente tras semanas dunha intensa actividade virtual, ofrecendo contidos e actividades adaptadas á situación sanitaria.
A Rede Museística Provincial estableceu diferentes medidas para que as visitas se fagan coas máximas garantías de seguridade. A capacidade e tempos de permanencia nos museos adaptáronse e limitáronse segundo as dimensións e características de cada espazo. O uso de máscara será obrigatorio para todas as persoas que accedan aos museos. Ademais, os catro museos contan con dispensadores de solucións hidroalcólica á entrada e á saída, para facilitar a hixiene de mans.
No interior, sinalizáronse itinerarios de forma que os visitantes farán percorridos pensados para que poidan ver as coleccións e exposicións mantendo a distancia interpersoal de 2 metros. O persoal do museo estará pendente de facer as recomendacións necesarias neste sentido, contando tamén coa responsabilidade individual para o seu cumprimento.
Os percorridos serán accesibles para todas as persoas, manténdose así o carácter inclusivo que a Rede busca en todas as actividades que desenvolve.
Poderanse seguir concertando visitas guiadas pero a reserva será individual ou para grupos de familiares ou persoas que convivan habitualmente, cun máximo de seis persoas. Os museos permanecerán abertos de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
Os horarios, así como as medidas de protección e as restricións de tempo e capacidade para as visitas, poderán sufrir variacións en función da situación sanitaria.
Segue a programación virtual
Maite Ferreiro agradeceu o “traballo que o persoal da Rede Museística Provincial fixo para xenerar contidos e actividades virtuais durante este tempo, colaborando e ofrecendo materiais a todo tipo de colectivos, asociacións e centros educativos”.
Desde o primeiro día de restricións, a Rede Museística ofreceu unha programación en liña que se foi diversificando cada semana, baixo o epígrafe “Museal: a vacina que te inmuniza”, con actividades e contidos para diferentes públicos. Entre outras novidades, púxose en marcha a visita virtual ao Museo Provincial de Lugo.
Ademais, o persoal da Rede participou en distintas actividades de formación, con persoas expertas de museos europeos e americanos, así como en grupos de traballo e relatorios internacionais da man, entre outras institucións, do Icomos.
A vicepresidenta e deputada de Cultura expilcou que “a intención é manter a actividade virtual tamén a partir de agora, porque se comprobou durante este tempo que estas actividades funcionan como reclamo para atraer novas visitas e tamén como canle para facilitar o achegamento aos museos de moitas persoas que quizais non farían unha visita presencial”.