O Museo Monte Caxado das Pontes presenta un novo Caderno, dedicado á emigración

O Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes continúa coa súa labor de recuperación e difusión da memoria colectiva das Pontes e da comarca coa publicación do 7º número dos seus Cadernos, titulado A emigración na comarca.
Este novo volume, elaborado polo mestre e etnógrafo José María López Ferro, rende unha sentida homenaxe a todas aquelas persoas que, nalgún momento da súa vida, tomaron a difícil decisión de emigrar en busca dun futuro mellor para as súas familias. O caderno dedica unha mención especial ás mulleres coñecidas como “viúvas de vivos”, que quedaban ao cargo do fogar, das fincas, do gando e dos fillos, asumindo unha responsabilidade inmensa nun contexto de sacrificio e resiliencia.
Ao longo de máis de 90 páxinas, recompílanse historias de vida de homes e mulleres ponteses que, coa súa marcha, deixaron unha fonda pegada na historia social e emocional da vila e da comarca.
O acto de presentación terá lugar o venres 11 de xullo ás 19:30 horas na Praza da Igrexa das Pontes. Contará coa intervención especial do veciño Guillermo Baamonde García, autor do prólogo, a quen o Museo agradece a súa implicación e colaboración.
Este caderno foi financiado con cargo a unha achega económica da Deputación da Coruña, cuxa colaboración resultou fundamental para facer realidade esta publicación.
O Museo Etnográfico Monte Caxado convida a toda a veciñanza e persoas interesadas a participar neste acto aberto ao público, onde se fará entrega a cada persoa dun exemplar do caderno de balde. Un acto que pretende ser tamén unha oportunidade para reflexionar sobre o valor da memoria, a identidade e o sacrificio das xeracións pasadas.