O Museo San Paio de Narla acolle unha xornada sobre museoloxía social, saúde e cultura de paz

LugoXa | TerraChaXa
A xornada desenvolverase entre as 16:30 e as 18:30 horas e contará cun máximo de 25 prazas
encontros-de-saberes
26 Jan 2026

O Museo Fortaleza San Paio de Narla será o escenario, este martes, 27 de xaneiro, dunha nova edición dos Encontros de Saberes, unha iniciativa que propón converter o museo nun espazo de cultura que coida e dá luz. A xornada artéllase como un foro de diálogo no que música, palabra, artes plásticas, xestión cultural e sociedade civil conflúen para reflexionar colectivamente arredor da museoloxía social, a saúde, a cultura de paz e o bo vivir.

Encontros de Saberes é un programa impulsado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, promovido pola Rede Museística Provincial de Lugo e coordinado por Encarna Lago González. A proposta parte da idea de que o coñecemento non é pechado nin xerárquico, senón vivo e relacional, e que medra no encontro entre persoas, saberes e territorios.

A actividade iniciarase cunha proposta de mediación titulada Hackea tu visita!, a cargo do museólogo Leonardo Casado, do proxecto Galgo Azul Espazo Cultural, que estará acompañada pola música de Uxía Pedreira. A continuación, a escritora María Sánchez dará paso á conversa colectiva, abrindo un espazo de reflexión compartida arredor do papel social dos museos e da cultura como ferramenta de coidado.

Como peche do encontro, inaugurarase na campa das ánimas a intervención artística Constelación, un proxecto da artista Cristina Fernández concibido especificamente para o espazo de San Paio de Narla. A obra propón unha lectura simbólica do territorio e reforza a concepción do museo como un lugar que acompaña procesos, activa relacións e coida a vida.

A xornada desenvolverase entre as 16:30 e as 18:30 horas e contará cun máximo de 25 prazas. As persoas interesadas deberán inscribirse a través do correo electrónico concertacionsrmp@gmail.com. Durante a actividade, o museo permanecerá pechado ao público xeral, polo que se solicita puntualidade, xa que a entrada realizarase de maneira conxunta.

⚙ Configurar cookies
0.078033208847046