O Nadal de Begonte celebra o acto de clausura este sábado

TerraChaXa
Durante a cerimonia entregaranse os premios dos certames de Xornalismo, Poesía, Arte, Audiovisuais e Debuxo Infantil
Clausura-en-Begonte
30 Jan 2026

O Centro Cultural José Domínguez Guizán pecha as actividades do Nadal en Begonte cun acto de clausura que terá lugar o sábado, 31 de xaneiro, ás 17:00 horas, no salón de actos do belén.

Durante a cerimonia, de entrada libre, entregaranse os premios dos certames de Xornalismo, Poesía, Arte, Audiovisuais e Debuxo Infantil. Tamén actuará a banda de Escolas Mancomunadas de Rábade, Outeiro de Rei, Begonte e Friol.

Recoñecerase así o traballo das persoas gañadoras no L Certame de Xornalismo sobre o Nadal, no que o primeiro premio recaeu en Ruth Fernández Fernández polo texto Equivocándonos na esencia, mentres que o segundo foi para Pablo Núñez González por Segunda carta aos begontinos. A mención de honra foi para Pepe Pol polo artigo La mejor tarjetiña de Navidad, en Begonte está.

Tamén se entregarán os galardóns do L Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal. O primeiro premio correspondeu a Chelo Gayoso Díaz por A luz de Begonte e o segundo a Antonio Malo Fernández por Donde tú te hiciste nuestro. A mención de honra foi para Pablo Nogueira Campo por Belén é Begonte.

No ámbito das artes plásticas, o XXXVI Certame Galego de Arte concedeu o Premio José Domínguez Guizán a Hipólito Xeada Pena pola obra A ilusión do Nadal. Ademais, outorgouse un diploma de honra a Manuel Carballeira Rivas por A Chaira e mencións de honra a Andrés Gabarres Cagiao por Huellas del tiempo e a Santiago Lago Canzobre por Otoño en la ciudad.

O acto incluirá igualmente a entrega de premios do II Certame Audiovisual sobre o Nadal. Na categoría infantil, o primeiro e segundo premio foron para o alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte. Na categoría xeral, o primeiro premio recaeu no EPAPU, Centro de Formación de Adultos de Albeiros, mentres que o segundo foi para Mª Soledad García Riveiro e Arwen Fernández García.

Especial protagonismo terá tamén o L Certame de Debuxo Infantil sobre o Nadal, no que se deron a coñecer os nomes das persoas premiadas. Na categoría A, ata 3º de Educación Primaria, recibiron primeiros premios Ángel Rouco Reboredo e Sara García Fernández, mentres que os segundos premios foron para Mariña Fernández Vázquez, Dafne San Miguel Garrido e Sabela Nogueira Pereiro. Na categoría B, de 4º a 6º de Primaria, os primeiros premios recaeron en Daniela Fra Cancio e Edgard Fernández Castro, e os segundos en Moraima Liñeira Vázquez, Fátima Maskour e Luca Florin Gheorghe. Na categoría C, de 1º a 4º da ESO, foron distinguidos con primeiros premios Marcos Cabada Dopico e Zaira Pérez Rodríguez, mentres que os segundos premios recaeron en Sara López Eijo, Aroa Pita Rodríguez e Marcos Mariño Ferreira.

Co acto de clausura pecharase o Belén de Begonte, que permaneceu aberto desde finais de novembro, así como o renovado Museo do Belén. Esta actualización, que supón a primeira fase da posta a punto do edificio, recibiu numerosos comentarios positivos polos novos contidos e pola mellora de instalacións, servizos e accesos.

A organización destaca a elevada afluencia de público durante os dous meses de apertura, cun número de visitas que volveu situarse arredor das 40.000 persoas, mantendo os niveis de anos anteriores. Unha parte importante destas visitas correspondeu a grupos de centros educativos e a entidades culturais e sociais, consolidando o Belén de Begonte como un referente do Nadal en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.079802989959717