O Nadal en Pastoriza vive o seu día grande coa visita de Papá Noel e a celebración dunha festa


O Concello de Pastoriza continúa a desenvolver a súa programación de Nadal, que conta cun calendario cheo de actividades culturais, lúdicas e festivas dirixidas a público de todas as idades e repartidas entre diferentes parroquias do municipio. A programación estenderase ata o 5 de xaneiro, combinando talleres, espectáculos, visitas especiais e celebracións tradicionais.
Aínda que os actos xa comezaron co tradicional acendido das luces de Nadal e os distintos talleres de manualidades, ademais da viaxe a Xuvenlugo, este martes vivirase un dos días máis destacados coa visita de Papá Noel, que será recibido ás 16:00 horas na praza do Concello antes de desprazarse ata a antiga ladrilleira acompañado da agrupación Tambukada.
Durante toda a tarde están prevista a actuación de DJ (Eventec). Ademais haberá merenda de balde para os nenos e nenas coa presenza de carriños de hamburguesas e crepes. Non faltarán tampoco os agasallos.
O Concello continuará coa súa programación o 26 de decembro, cando o mago David Méndez ofrecerá un espectáculo infantil ás 16:30 horas no salón de actos do Concello. O día 27 de decembro celebrarase a festa de Pre Fin de Ano, organizada por ASAPA e pola Asociación Cultural Miño Vivo.
Xa en xaneiro, o día 2 terá lugar no pavillón de Bretoña o espectáculo A fuego lento, previsto para as 16:30 horas. A programación culminará o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que inclúe unha visita das súas Maxestades á residencia Fundación San Rosendo ás 11:30 horas. Pola tarde, ás 16:00 horas, os Reis Magos saudarán á veciñanza desde o balcón do Concello e continuarán o percorrido ata o local social da antiga ladrilleira. Alí celebrarase unha festa con actuacións do grupo de música e baile tradicional da Pastoriza, reparto de agasallos para nenos e nenas, roscón de Reis e chocolate para todos os asistentes, ademais dun baile amenizado polo DJ Eventec.