O Naútico Folixa gaña a Liga Feminina e queda subcampión galego de clubs

O Náutico Folixa viviu unha fin de semana brillante na praia de Barraña, en Boiro, onde conseguiu un dobre triunfo que reforza a súa gran tempada. O club alzouse coa primeira posición na Liga Feminina cun total de 77 puntos e, ademais, proclamouse subcampión galego de clubs, quedando a tan só cinco puntos do Breogán do Grove.
Os logros chegaron tras unha destacada actuación nas probas disputadas na localidade barbanzá. Na categoría BCS, destinada a superviventes de cancro, o equipo formado por Mónica, Ángeles, Raquel, Lina, Sinda, Tania, Marta, Isa, Enma e Iván asinou unha meritoria terceira posición nunha esixente carreira marcada pola distancia.
O club tamén celebrou outro bronce na categoría feminino veterano, grazas ao esforzo de Mónica, Iria, Elena, Roci, Tania, Isa, María L., Nely, Sinda, Verónica, Eva e Iván. A este resultado sumouse a terceira praza obtida na modalidade mixta de veteranos, onde competiron Mónica, Iria, Elena, Juan, Pedro, Marcos, David, Félix, Nely, Roci, María L. e Iván.
Tras esta gran fin de semana, o Náutico Folixa xa pensa nos seus próximos retos. Primeiro afrontará o I Festival de Barco Dragón no Lago das Pontes, antes de encarar a II Copa de España, prevista para o mes de setembro.