“O noso compromiso é gobernar escoitando e dar voz á veciñanza”
Modesto Renda fai unha valoración dos primeiros meses de Goberno.
Pasados estes primeiros meses de Goberno para analizar a situación, cales son os eixes nos que se vai traballar?
Como responsable de Infraestruturas Rurais o meu obxectivo é levar ás parroquias os investimentos que os seus veciños precisan. Dende a oposición combatín o abandono do rural e agora toca “dar trigo” na medida das posibilidades económicas do Concello. Tamén fun moi crítico nos últimos anos coa falta de seguridade xurídica en materia urbanística e o desbloqueo do PXOM é, en consecuencia, a miña prioridade como responsable de Urbanismo. Ademais, como responsable de Mobilidade estou centrado na reorganización do tráfico -nomeadamente na rúa da Pravia cando se poida acometer- na mellora e ampliación dos espazos para o aparcamento e en pór en valor o centro histórico da vila. Por último, e como responsable de Desenvolvemento Industrial, o meu traballo pasa por ampliar o Polígono como base dun futuro para a veciñanza traballadora e a pequena e mediana empresa.
No tocante ao medio rural, está a realizar reunións en todas as parroquias para falar coa veciñanza. Como está a resultar esta iniciativa?
Dende que asumín a Vicealcaldía escoitei “parroquia a parroquia” a máis de 300 veciños e veciñas do rural. O meu obxectivo? Recoller as súas necesidades e demandas e darlles a palabra para que sexan eles os que decidan as prioridades. O Concello de Vilalba, a través da área de Infraestruturas Rurais da que son responsable, investirá 378.245,81 euros nas parroquias nos vindeiros tres meses e cada céntimo deste investimento, irá destinado a unha obra ou actuación municipal elixida polos propios veciños das parroquias. Non se pode axudar ao rural dende un despacho. A xente das parroquias é a que coñece os problemas reais das parroquias e chegou o momento de darlles voz.
O proxecto da Ponte da Ribeira, como se vai facer a súa reparación?
O proxecto de reconstrución integral da Ponte da Ribeira que presentei hai uns días en Samarugo parte dun traballo de catro meses de planificación. Dende o día 1 da lexislatura tiven claro que esta actuación era prioritaria e actuei en consecuencia, axilizando os trámites todo canto mo permitiron os tempos e rigores da Administración. Dende o Concello remitimos xa o documento á Confederación Hidrográfica do Miño Sil, así como á Dirección Xeral de Patrimonio (a súa autorización é precisa pola presenza dun cruceiro nunha marxe da Ponte) e, cando a climatoloxía o permita e o caudal do río volva á normalidade, procederemos á execución dunha obra que porá fin á actual situación de risco.
Outro dos proxectos no que se está a traballar é na peonalización da praza de Santa María co programa Emprazadas. Como está a recibir a veciñanza esta iniciativa?
O noso compromiso é gobernar escoitando e é por isto que a veciñanza tivo, ten e terá a última palabra ao respecto do Plan de Posta en Valor da Praza de Santa María que estamos a implementar. O proxecto Emprazadas é unha decidida e ambiciosa aposta cultural para o Centro Histórico coordinada entre as áreas de Cultura e a de Mobilidade e na que, ó tempo que seguimos dando pasos adiante no noso piloto de peonalización progresiva (limitándose agora o estacionamento de vehículos nas fins de semana e festivos), dende a área de Cultura organizouse unha programación específica para praza, que tivo na actuación do bluesman internacional Manu Lanvin o primeiro prato forte.
Fálenos un pouco do programa de Nadal. Que é o máis destacado?
Como compañeiro de partido e agora de Goberno, non poido sentirme máis orgulloso de traballar día a día coa concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez. O seu é o exemplo de que a política pode ser outra cousa e de como cunha situación económica absolutamente adversa se pode sacar de onde non hai para poñer enriba da mesa unha programación cultural traballada, de calidade e adaptada a todo tipo de públicos e franxas de idade. E o mesmo ao respecto da compañeira Mª Xosé Fernández e a campaña de Comercio. O esforzo de intentar chegar a todos e cada un dos comerciantes e negocios coa fin de involucralos nunha mesma campaña estou seguro de que dará os seus froitos.
Que reclamacións ten Vilalba Aberta para a vila doutras administracións?
Vilalba é o segundo Concello en numero de horas de Servizo de Axuda no Fogar da Provincia e o sexto xa de toda Galicia. Hai catro anos, o custo do prezo hora para o Concello era de 11,65 euros e agora pasaranse a pagar 19,50, o que se traducirá nun custo para as arcas municipais de case 3 millóns e medio de euros sobre un orzamento de 11 millóns. A administración autonómica é quen ten a competencia en materia de políticas sociais e é a insuficiente aportación da Xunta de Galicia a que está a condicionar moi negativamente a nosa capacidade económica para acometer as obras e proxectos que demandan os veciños e veciñas. Non se trata de cores políticas, tratase de pedir o que nos corresponde e todas as formacións políticas representadas no Pleno Municipal deberiamos estar de acordo con esta reivindicación.
Que obxectivos hai para o próximo ano?
Sentar por fin as bases dun Concello xestionado dende o rigor, a responsabilidade e a estabilidade presupostaria, pola vía da aprobación duns novos orzamentos, que sexan quen de dar resposta ás necesidades reais da veciñanza.
E os desexos para o ano que comeza?
Acordos, consensos e entendemento entre todas as formacións políticas nas cuestións fundamentais. Só así acadaremos unha Vilalba á altura da nosa xente.