“O noso labor estes días é que non se retrase nin un minuto ningún trámite”
Modesto Renda é o primeiro tenente de alcalde do Concello de Vilalba e acalde provisional ata o pleno do mércores, no que se escollerá a nova dirixente.
Durante este tempo de espera entre a dimisión da alcalde de Vilalba, Elba Veleiro, e o nomeamento da nova, Marta Rouco, o primeiro tenente de alcalde Modesto Renda, de Vilalba Aberta, ocupa o sillón principal como alcalde provisional, ou “accidental”, como recolle a lei.
Durante este tempo, que se prolonga desde o 2 de outubro ata o próximo día 11, Modesto Renda ten como función principal que nada se pare na actividade municipal, xa que a dimisión de Elba Veleiro foi con carácter inmediato.
Falamos con Modesto Renda sobre a situación que atravesa o Concello de Vilalba.
Como recibe Vilalba Aberta a dimisión de Elba Veleiro?
Nós non podemos máis que respectar o que entendemos que é unha decisión persoal, nós sempre o facemos. Fixémolo cando Sandra Vázquez, do Partido Popular, comunicou que se ía para un cargo político da Xunta. Nós non fixemos ningunha valoración política máis alá de que fora para un cargo político porque entendemos que é a vida interna doutro partido, non imos meternos na vida interna dun partido como tampouco nos gusta que outros se metan na nosa. Por iso non queda nada máis que respectar unha decisión persoal. Fóra diso, e centrados no traballo das nosas áreas, e máis eu pola miña situación coxuntural como alcalde en funcións, estamos actuando coa responsabilidade que iso implica e fundamentalmente duplicando traballo para que esta situación non repercuta na veciñanza. A miña prioridade é que non se retrase nin un minuto ningún expdiente nin ningún trámite, tanto das nosas áreas como das do partido socialista, e que esta dimisión non teña consecuencias para a veciñanza. Para nós o importante é garantir a estabilidade do Concello, porque o que lle interesa aos vilalbeses é que se resolvan os seu problemas e iso só pode acontecer se hai responsabilidade institucional e o traballo non se ve condicionado por ningún movemento. Por iso, o papel de Vilalba Aberta aquí é ser garante da estabilidade institucional e que no haxa nin o máis pequeno retraso administrativo. Polo de agora estamos contentos porque entendemos que se está a conseguir. O terceiro punto sobre esta cuestión é que como todos saben Vilalba Aberta loitou no contexto das negociacións ata o último minuto pola Alcaldía, incluso sondeamos ao Bloque Nacionaista Galego para que apoiara a nosa investidura e con iso facer forza para unha negociación conxunta e que por primeira vez Vilalba tivera un alcalde que non fora parte do bipartidismo. O BNG non o viu así polo que despois, dende o momento no que asimanos o acordo de goberno, que non vai de persoas, senón que vai de responsabilidades, asumimos que nestes catro anos, a Alcaldía lle corresponde ao Partido Socialista e a Vicealcaldía a Vilalba Aberta. Nese sentido, non podemos máis que ser absolutamente escrupulosos co pactado e non falaremos de Alcaldía, que está entre as nosas metas a longo prazo, ata as próximas eleccións.
Entón o pacto non sufrirá ningún cambio.
O pacto non sufrirá cambio. Vimos unha nota do PP na que falaba de debilidade do Goberno de coalición pero nós temos que ser rigorosos e desmentilo. O pacto non sofre ningún tipo de convulsión, todo o contrario, o noso papel é que esta situación conxuntural non derive en ningún prexuízo para os veciños. E podo garantir que é así xa que todos os proxectos que estaban en marcha seguen os seus cauces e incluso estanos intentando axilizar. O goberno de coalición funciona correctamente. Outra das funcións de Vilalba Aberta, e estamos seguros que o Partido Socialista pensa igual, é coidar moito a vida interna do goberno de coalición porque xa chegará o momento, dentro de catro anos, de que compitamos electoralmente pero mentres tanto temos que demostrar á veciñanza que sen ter maioría absoluta somos capaces de entendernos e de mellorar a vida da xente.
Para Vilalba Aberta é a elección correcta?
Non penso facer ningunha valoración no tocante a Marta, porque aínda non exerceu como alcaldesa, polo que eu valorarei o seu traballo cando vexamos o seu día a día na Alcaldía. Para nós a opción preferente, loxicamente, é a miña como candidato, pero temos un acordo e un reparto de áreas que temos que respectar porque está vixente e corresponderalle a Marta Rouco demostrar si é unha boa alcaldesa. Nós vamos intentar demostrar á xente que co noso traballo e nas áreas que xestionamos podemos gañar a confianza dos veciños e veciñas para que o vindeiro alcalde ou alcaldesa sexa de Vilalba Aberta.
Cal é a valoración de Vilalba Aberta sobre o traballo de Elba Veleiro?
A única valoración é a título interno e persoal, a relación foi boa, a comunicación foi fluída e o respecto entre áreas foi moi escrupuloso. A nivel político non dá moito tempo para valorar porque non chegamos aos catro meses. Así que non me queda máis que desexarlle o mellor no persoal, que desfrute da súa vocación e da súa familia e que sexa para ben este cambio.