O novo equipo directivo do Santo Anxo de Rábade recibe a visita da Xunta
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo esta mañá un encontro co novo equipo directivo do centro de protección de adolescentes Santo Anxo, en Rábade. A reunión serviu como presentación da nova directora destas instalacións, a educadora María Lence, que asume o posto en substitución de Óscar Viñas.
O director xeral destacou que María Lence conta con formación especializada no eido da infancia e ata agora formaba parte do cadro de persoal deste centro. Así mesmo, lembrou que este cambio responde a que o anterior director, Óscar Viñas, pasou a integrar a nova estrutura provincial da Xunta en Lugo.
Neste sentido, Jacobo Rey destacou que o Goberno galego apostou pola experiencia dunha persoa que xa coñece o funcionamento diario do centro. Así mesmo, puxo en valor a calidade asistencial da rede de protección a menores do Goberno galego que procura unha correcta atención dos nenos e adolescentes para que poidan transitar á vida adulta e realizar o seu proxecto de vida da maneira máis autónoma posible.
Á presentación asistiron o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey; a nova directora do centro, María Lence (á dereita do director xeral); o director saínte e novo director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade na provincia de Lugo, Óscar Viñas; e a coordinadora do centro, Asunción Veiga.