“O obxectivo é achegar xente á vila con diferentes actividades”
María López Prado é a nova presidenta da asociación de empresarios Asapa.
María López Prado é a nova presidenta de Asapa, falamos con ela para coñecer como foron estes primeiros meses e cales son os proxectos de futuro.
Como foron estes primeiros meses no novo cargo como presidenta?
Foron ben, eu estou contenta coas iniciativas que se levaron a cabo. A ruta de tapas era algo que xa se viña facendo pero o prefin de ano si que era novo e tivo moi boa acollida e a pesar de que había máis eventos na contorna achegouse bastante xente e foi algo que gustou. Estou moi contenta tamén co apoio dos compañeiros e dos socios, un bo balance.
Cal foi o proceso de elección para a presidencia?
O anterior presidente tiña que abandonar, porque entrou en política e son cargos incompatibles, a raíz diso houbo unha reunión para presentar a dimisión do equipo directivo e saíu o meu nome como futura presidenta. Eu non estaba presente porque non son empresaria, en realidade é miña nai a que é autónoma, pero nesa reunión propuxéronme. Querían alguén novo e falaron comigo e eu aceptei o reto.
Cal é a situación actual de Asapa?
Actualmente temos arredor de cincuenta socios porque estamos só para os negocios da Pastoriza, non está aberta a todo o concello. Isto é algo que en breves, si a xente está interesada, cambiará e se abrirá a que entren tamén os negocios de todo o concello. A asociación estivo parada o último ano pero estivera funcionando antes.
Que proxectos teñen?
A curto prazo, antes do verán, temos a primeira carreira popular da Pastoriza que esperemos que sexa antes da primavera. Tamén queremos retomar as carreiras de cabalos que se fixeran hai dous anos, e para isto estamos buscando axuda. Tamén estamos barallando a idea de retomar a festa da xuventude. Isto é o que está agora mesmo en proceso.
Ademais destas actividades realizades algunha outra a nivel interno?
Agora mesmo no, si que algún socio nos pediu algunha formación ou curso, pero agora mesmo non contamos con este tipo de actividades. No que se basea a asociación agora mesmo é en facer eventos que traian xente a Pastoriza e sexan días diferentes para que os negocios locais o noten.
Cales foron os principais retos destes meses?
O máis difícil é o económico, que é o que xoga en contra. Hai un orzamento moi reducido, son poucos socios, entón xogas con ese diñeiro e cunha subvención anual que nos dá o Concello. Polo tanto, para min o maior reto é facer cousas contando co pouco orzamento que hai.
Cada canto renovades directiva?
Neste caso a renovación púxose por un ano porque eu estou opositando para profesora e si aprobo non sei onde vou estar o ano que vén. Non me gusta estar nun cargo se non o podo desempeñar como quero e estar ao cento por cento, si eu estou en Pontevedra ao mellor non podo sacar adiante os proxectos como me gustaría. Normalmente era por catro pero nesta ocasión esa renovación fíxose por un ano.
Cales son os principais problemas do comercio da Pastoriza?
Supoño que como na maioría dos pobos pequenos xoga con dous factores en contra que son moi importantes, por un lado o despoboamento tanto porque a xente nova marcha como porque é unha sociedade moi envellecida. E por outro lado é moi difícil competir co comercio en liña, os comercios pequenos dos pobos non son capaces de competir en prezo, nin cantidade, nin en variedade con internet.
Como axuda este tipo de asociación ao comercio?
Por un lado achegar xente á Pastoriza e outra ao longo do ano promocionar ese comercio. Nós desde a páxina de Asapa promovíamos os diferentes comercios e tamén imos intentar facer campañas ao longo do ano para chamar a xente que compre na Pastoriza.