“O obxectivo é mellorar a calidade de vida das coidadoras”

TerraChaXa
Tania Pardo é concelleira de Servizos Sociais no Concello das Pontes. Explica o obxectivo deste programa e o seu departamento.
Cuidadanas programa as pontes
14 Nov 2021

Tania Pardo é concelleira de Servizos Sociais no Concello das Pontes. Explica o obxectivo deste programa e o seu departamento, que busca poñer o foco  na atención ao benestar da veciñanza, especialmente daquelas persoas ou grupos con necesidades concretas.

O Concello das Pontes súmase ao programa Cuidadanas, posto en marcha pola Fundación Mujeres, coa financiación da Deputacion da Coruña, co obxectivo de ofrecer ás coidadoras informais do municipio un recurso de orientación, acompañamento e apoio, tanto a nivel emocional, formativo, persoal como social, para paliar as consecuencia que implican coidar a persoas en situación de dependencia.

Na actualidade estímase que o 76% das persoas que prestan coidado ás persoas dependentes son mulleres, feito que segundo Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade “repercute no benestar, saúde, autotestima, vida laboral, relacións familiares e persoais destas mulleres. No Concello das Pontes somos conscientes desta realidade e, a través da adhesión a este programa buscamos contribuír a mellorar a calidade de vida das nosas veciñas, mulleres coidadoras,  ex-coidadoras e futuras coidadoras, promovendo o seu desenvolvemento persoal e social a través de actividades que lles permitan relacionarse con mulleres en situacións similares”.

Este programa deseñouse coma unha actividade formativa, de balde, dividida en catro obradoiros nos que se abordan aspectos como o autocoidado, a xestión emocional, a autoestima ou as habilidades de comunicación.

ENTREVISTA A TANIA PARDO

Sobre este programa fala Tania Pardo, a concelleira de Servizos Sociais das Pontes.

Falamos do programa Cuidadanas, por que decidiron poñelo en marcha?

A iniciativa nace de dar resposta ás persoas coidadoras, de atender a súas necesidades. Puxémonos en contacto con Fundación Mujeres, sabendo que o programa Cuidadanas estábase levando a cabo noutros concellos e tiña moi boa aceptación.

Que obxectivos ten o programa?

O obxectivo é mellorar a saúde e a calidade de vida das coidadoras informais de persoas dependentes. Poñendo á súa disposición unha serie de ferramentas e apoios diversos co obxectivo de minimizar as problemáticas derivadas dos coidados.

Canta xente ten axudado este programa?

Entre as tres edicións levadas a cabo atendemos a 45 mulleres.

Que nos pode contar da xente que o dirixe?

É importante destacar a profesionalidade e empatía das técnicas encargadas do programa. Desde o comezo conectaron moi ben coas mulleres asistentes aos talleres e son un apoio para elas, máis aló dos contidos teórico prácticos, atendendo, comprendendo as súas necesidades a nivel emocional e creando un clima de confianza entre o grupo.

Xa levan máis dun ano. Entedemos que está a ter resultados positivos?

Si, por suposto, desde o comezo vimos a importancia de darlle continuidade e as propias participantes o manifestan en cada unha das edicións. Sempre lles parece pouco tempo, polo que é fundamental seguir apostando e programando todo tipo de iniciativas dirixidas a elas e sobre todo darlle continuidade. É importante contar cun servizo estable que conte con distintas temáticas que poidan resultarlles de axuda e, sobre todo, un espazo para compartir emocións, experiencias e sentirse escoitadas.

Tamén se adaptou aos novos tempos co taller de superar a covid. Como xurde este cambio?

O confinamento e en xeral todo o que supón a pandemia da covid-19 plantexounos a necesidade de atender ás persoas afectadas polo impacto psicolóxico, poñendo o foco de actuación na intervención socioemocional. Puxemos en marcha un obradoiro onde se desenvolveron diferentes accións encamiñadas a mellorar a saúde emocional, poñendo a disposición das participantes unha serie de ferramentas e apoios dirixidos a minimizar as problemáticas derivadas da pandemia. Moitas das participantes foron coidadoras que viviron situacións moi duras, sen servizos de conciliación (peche dos centros de día, escolas infantís, centros sociosanitarios) e vivindo a situación, na súa maioría, en soidade. Tratáronse temas como a xestón da fatiga, resiliencia e adaptación, aprender a positivizar, respiración, organización do tempo, entre outros...

Noutra orde de cousas, ao longo deste tempo fronte a Servizos Sociais, esta non é a única iniciativa posta en marcha. Que máis destacaría?

Desde a área de Benestar Social poñemos o foco na atención ao benestar da veciñanza, especialmente daquelas persoas ou grupos con necesidades concretas.

Entre as distintas iniciativas postas en marcha, destaca do programa de Atención Temperá, dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos e ás súas familias, co obxectivo de dar resposta aos menores que presentan transtornos no desenvolvemento. Contamos cos servizos de logopedia, terapia ocupacional e psicoloxía o que facilita a súa autonomía e a inclusión social dos 30 menores que, na actualidade, son atendidos.

Tamén destaca o programa de Educación familiar, no que se atende a diversas familias que se atopan en situación de vulnerabilidade e que precisan un apoio para mellorar as súas capacidades parentais. O obxectivo é mellorar a situación sociofamiliar e dotalas das ferramentas adecuadas. Ademáis contamos cun programa de reforzo educativo  onde se leva a cabo unha intervención educativa cos menores e un apoio socioeducativo familiar.

Con motivo do pasado 8 de marzo puxemos en marcha a campaña Unha experiencia de coidado, correspóndeche escoller a túa, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da corresponsabilidade e de poñer o foco en que os coidados, en xeral, teñen que ser compartidos, existir suficientes recursos de conciliación, para que a carga non recaia na maioría dos casos nas mulleres.

Que programa lle gustaría incluír de cara ao futuro?

Estamos traballando na posta en marcha de novos programas e iniciativas que complementen ás anteriormente explicadas e así crear unha rede de apoio á veciñanza no seu conxunto.

 

tania pardo concelleira servizos sociais as pontes
programa as pontes cuidadanas otro
0.21809577941895