“O obxectivo é organizar cursos en función da demanda dos socios”
Cando naceu a asociación? Por que é de recente creación, non?
A Asociación Mulleres Rurais Afouteza de Abadín naceu a comezos do ano 2023, pero démola a coñecer a mediados de ano.
Como xurdiu a idea?
Esta asociación nace co propósito de dinamizar a vida cultural e social do pobo. A idea de formar esta asociación xorde da alta demanda entre os habitantes do pobo de aumentar a oferta de actividades culturais, deportivas ou lúdicas no concello. Debido ao gran interese da xente por facer cousas novas no pobo, propuxémonos crear unha asociación para poder buscar e organizar actividades das que podan desfrutar todas as persoas que o desexen.
Non é a primeira asociación da zona, non?
Na zona hai moitas outras asociacións, as cales lle dan moita vida ao concello.
E ese nome?
Á hora de buscar o nome da asociación, queríamos buscar algo orixinal e que definira o rural de Abadín, e a palabra que se nos veu á mente foi Afouteza, que significa “disposición do espírito que leva a unha persoa a actuar sen temor aos perigos ou dificultades”, sinónimo de valor, ousadía ou animosidade.
Quen forma parte da directiva actual e cantos socios son?
Esta asociación está integrada por Catia González, Noelia Goás, Noemí Pérez e Tania Goás. Actualmente contamos cuns 100 socios.
Cales son as actividades previstas xa? e cales queren poñer en marcha nun futuro?
En setembro comezamos con clases de pilates e en outubro iniciaremos un obradoiro de manualidades e restauración para adultos e outro obradoiro de manualidades para os máis pequenos. Temos previsto algún curso para outubro e novembro, entre eles un de primeiros auxilios. A nosa idea é facer tamén algún outro de cociña, xa que o que levamos a cabo a comezos de verán tivo moi boa acollida entre os veciños.
Hai outros proxectos máis de cara ao futuro?
Polo de agora estamos comezando e queremos ir pouco a pouco. O noso principal obxectivo é organizar actividades e cursos que vexamos que son de interese para os socios, polo que vai depender das demandas que nos vaian transmitindo.
Contan con axuda para manter a asociación activa?
De momento mantémonos activos economicamente grazas ás achegas dos socios e á axuda económica por parte do Concello, ademais de cedernos as instalacións municipais para poder levar a cabo as actividades. Con estas achegas podemos organizar actividades máis económicas para os socios.
Como se fai un socio?
Contactando con calquera das 4 integrantes da directiva ou a través das redes sociais da asociación.
Que aceptación están a ter neste inicio?
A resposta da xente do concello a esta asociación foi moi boa. O feito de que organicemos actividades de interese para o pobo fai que a xente se mostre moi receptiva e nos apoie no noso labor.