O padroado do hospital asilo de Vilalba reclama o recurte da subvención municipal
O padroado da Fundación Hospital Asilo de Vilalba informa que acordou interpoñer reclamación contra o acordo de modificación de orzamento aprobado polo Pleno do Concello de Vilalba (de 27 de outubro, a proposta do equipo do Goberno), no que se decidiu que a subvención nominativa relativa ao ano 2022 para esta Fundación fose de 10.000 euros.
"Esa decisión é contraria a dereito, xa que vulnera un convenio asinado entre o Concello e a FHAV no que se pactou o abono dunha cantidade fixa anual de 30.000 euros. O Concello está obrigado por lei a ter nos seus Orzamentos a partida necesaria para o cumprimento das obrigacións contraídas. O acordo do Concello non respecta esta obriga legal", explica o padroado.
Afirman que antes do citado Pleno, non houbo comunicación algunha por parte do Concello con esta Fundación. "Posteriormente ao mesmo, pedimos á alcaldesa unha reunión para poder tratar este tema, que a día de hoxe non foi concedida", din.
"O único motivo desta reclamación é defender os intereses da Fundación co fin de que o Concello cumpra o acordo alcanzado, do mesmo xeito que se fixo dende esta entidade, cumprindo o seu obxectivo social e os seus fins fundacionais, que é no que se basea, precisamente, esta subvención", aclaran.
"Como é natural, non queremos prexudicar a ningunha das diferentes Asociacións que teñen asignación nestas subvencións nominativas, que poden ver atrasada a súa cobranza porque o pleno do Concello ten que resolver previamente esta reclamación. Esta situación vén motivada pola ausencia absoluta de dialogo, e pola tardanza en acometer esta modificación do orzamento. Tentamos por todos os medios ao noso alcance non ter que chegar a esta situación, pero non podemos deixar que se vulneren o pactado e os dereitos adquiridos", engaden.
"Queremos aproveitar a ocasión, para agradecer os moitos apoios recibidos ante esta vulneración dos dereitos desta Institución. Volveuse a manifestar o moi querida que é na comarca, e o gran apoio que ten á súa obra social", conclúen.