O padrón municipal de Barreiros supera as 3.000 persoas
A alcaldesa de Barreiros anunciou que a tendencia que se vén experimentando relativa ao incremento de poboación no último ano e, especialmente, os últimos nove meses “parece consolidada ao lograr superar de novo a cifra dos 3000 habitantes.”
Ana Ermida explica que a cifra dos 3000 habitantes “ten algo de máxico para Barreiros, xa que é una barreira que se baixou no ano 2014 e que sempre estivo planeando sobre o Concello.”
A alcaldesa dálles a benvida a todas as persoas que escolleron Barreiros como o seu lugar de domicilio que permitiron que, desde o 15 de xuño do ano pasado, se incrementara o padrón en 66 persoas no cómputo total; polo que as novas veciñas e veciños son moitos máis.
Segundo explican desde o Concello “non existe un patrón nas persoas que deciden empadroarse en Barreiros, xa que hai desde familias con menores, persoas xubiladas ata persoas individuais” o que desde o goberno municipal valoran dun xeito “moi positivo, xa que demostra que o noso concello é un lugar agradable para que calquera, en calquera circunstancia persoal escolla para fixar a súa residencia.”
O goberno municipal asegura que, “a pesar do extraordinario e a dureza deste último ano, a aposta por reforzar os servizos que se prestan no municipio, como os relativos a coidado de persoas maiores ou as actividades de conciliación, contribúen a que a xente escolla este municipio; onde ademais existen unhas características naturais que xa o fan un lugar privilexiado ao que o acerto nas políticas que se desenvolvan a nivel municipal non van facer máis que reforzalo para situalo como un lugar de referencia para vivir”, conclúe Ana Ermida.