O pago das facturas trae dúas denuncias contra o Concello de Muras
O Concello de Muras enfróntase a novas dificultades legais pola falta de acordo entre Goberno e oposición tralas reclamacións presentadas por dúas empresas debido ao impago de facturas. Estas compañías, afectadas pola falta de pagamento, iniciaron accións por vía contencioso-administrativa, segundo informou o alcalde, Manuel Requeijo, no pleno.
Unha das empresas reclamantes é unha barreirense que realizou as obras no colexio e afirma que o Concello lle debe arredor de 80.000 euros. A outra empresa, da Coruña, reclama unha débeda de 1.800 euros. O Concello prevé iniciar expedientes de reintegro patrimonial para reclamar aos membros da oposición os intereses e as costas procesais derivados destes procesos, apoiándose nun informe da secretaria municipal.
Requeijo defendeu que esta situación xorde da negativa da oposición a aprobar as facturas en sesións plenarias anteriores. "A irresponsabilidade da oposición, ao non aprobar os pagos, está a prexudicar os fondos públicos e pode derivar nun custo maior para o Concello", afirmou.
O pago das facturas foi ao Pleno en varias ocasións e os votos conxuntos de PP e PSOE impediron ao Goberno completar o proceso e efectuar os pagamentos.
Durante o pleno o debate centrouse noutra cuestión económica. A voceira popular afirmou que o Concello ten unha débeda municipal de 700.000 euros e que os prazos de pagamento xa superan os 70 días. A portavoz do PP, Eugenia Requeijo, cuestionou ao goberno local sobre posibles subas de impostos para facer fronte ás débedas, mentres o alcalde instou á oposición a colaborar coas súas propostas en lugar de limitarse ás críticas. Afirma o rexedor que "a voceira popular ten que aprender a ler unha conta xeral antes de decir despropósitos". Asegurou que o Concello ten un remanente de máis de millón e medio de euros con débeda cero. Tamén explicou que mentres no se paguen as facturas pendentes, "que a oposición se nega a pagar", os prazos de pagamento seguirán a aumentar.
Ademais, Manuel Requeijo retou á concelleira popular a demostrar que o Concello ten esos 700.000 euros de débeda. "Non se poden soltar cousas así pola boca libremente, hai que demostralo", dixo.
Por outra banda, o pleno serviu para despedir á exconcelleira Cristina Franco e deu a benvida a María Azucena Camba, quen tomou posesión como nova integrante do equipo de goberno, comprometéndose a traballar en favor do municipio.
Coa aprobación das contas xerais grazas aos votos do BNG e a abstención de PP e PSOE, o Concello ten previsto habilitar unha nova partida de crédito extraxudicial a partir de abril para facer fronte ás débedas. Esta actuación, segundo o goberno local, buscará paliar a difícil situación financeira actual.