O PAI de Cospeito abrirá o 7 de setembro e os colexios xa están preparados
A pandemia e a situación na que está o Concello de Cospeito foi o eixo da xunta de portavoces que tivo lugar a petición do partido socialista, que quería saber os pasos que se deron dende o Goberno local por frear os contaxios e as medidas que se están a tomar para previr a súa expansión.
Así, o alcalde, Armando Castosa, anunciou que o Punto de Atención á Infancia abrirá o día 7 seguindo o protocolo de medidas de prevención da Xunta de Galicia. Este ano, polo momento terá menos alumnos.
Tamén está a funcionar o centro de día, que tamén ten menos usuarios pero que se manterá así mentres non haxa un brote. O que si seguirán pechados son o resto de dependencias municipais como as piscinas, o museo das aves, a casa da cultura e demais. As feiras continúan "porque son pequenas, sen aglomeracións e con moito espazo entre os postos".
O alcalde comunicou aos grupos da oposición que en Cospeito non hai máis casos dende o gromo de dez que se detectou hai unhas semanas polo que se considera controlado.
Un dos temas que máis preocupaba aos socialistas é como se ía enfrontar a volta ás aulas nos dous centros educativos do termo municipal, o de Feira do Monte e o de Muimenta. Sobre isto informou a concelleira de Educación que tamén é profesora no primeiro centro. Mentres o de Muimenta non ten problema xa que ten moi poucos alumnos para o tamaño das instalacións polo que se cubren as ratios de recomenda a Xunta de Galicia.
No de Feira do Monte poñeranse en marcha varias medidas, xa que se lles mirará a temperatura, estarán divididos en grupos, cada grupo entrará por unha porta en distintas franxas horarias, os grupos non terán contacto entre eles e haberá máis profesores nos recreos para vixilar os contactos e máis probas PCR para os docentes. Ademais, habilitaron unha zona no colexio para poder aislar aos pequenos que teñan síntomas mentres non os veñen buscar. Os centros tamén prohibirán a entrada dos pais nos centros. O comedor do de Feira do Monte funcionará sen problema porque se trata dunha estancia moi ampla e o transporte rexirase polo protocolo da Xunta.
Rosa Morán, responsable socialista, manifestou o seu acordo co plan que ten deseñado o Concello "no que se ve atención aos detalles e que contamos con que chegue a bo término e poda aplicarse sen problemas". O PSOE asegurou que estaba moi preocupado polo inicio do curso "pero parece que todo pode ir ben".
CARTELERÍA
Así mesmo, Rosa Morán demandou ao equipo de goberno que se coloque nas áreas recreativas onde a xente se baña e nos parques infantís un carteliño coas obrigas sanitarias e o alcalde mostrou a súa conformidade coa medida.
Tamén os socialistas pediron que se volveran a facer as desinfeccións como se facían non confinamento "en especial agora debido á situación crítica que estamos vivindo".
CENTRO DE SÁUDE
Rosa Morán mostrou a súa preocupación polo centro de saúde de Muimenta, "no que agora mesmo estamos sen médico xa que está de vacacións e non mandaron substituto". A socialista indicou que non queren que se produza a mesma situación que nos centros de saúde de Parga e Castro de Rei e se aproveite a ocasión para quitar o servizo.
Segundo indican en Feira do Monte tamén están con menos médicos e tamén a causa das vacacións. Avanzou a socialista que o alcalde comunicou que nos dous centros van poñer unha zona aislada para os que están con síntomas de coronavirus.