O PAI de Muras celebra o primeiro ano de funcionamento
O Punto de Atención a Infancia (PAI) de Muras cumpriu neste mes de xaneiro o seu primeiro ano de funcionamento, situado no Ceip Antía Cal.
Trátase dunha celebración que dende o equipo de Goberno do Concello significa un respaldo á xestión municipal xa que foi dende o comezo un dos servizos que estaban no seu programa. Tras varios trámites e pelexas o PAI viu a luz mediado o curso escolar pero eso non desanimou aos veciños que de seguido apuntaron aos seus pequenos.
O PAI de Muras, ao igual que o resto de servizos de similares características que se extenden nos útlimos tempos polos concellos galegos, teñen como obxectivo prioritario "a conciliación familiar e laboral e serven para asentar poboación", tal e como salienta a concelleira Belén Chao, quen recorda que tamén era un servizo "moi demandado e necesario".
A día de hoxe conta con seis nenos facendo uso do servizo, cinco empadroados en Muras e un no municipio veciño de Xermade. Aínda así non cubre todas as prazas dispoñibles, que son 20.
O servizo desenvólvese en horario ininterrompido de 8.00 a 16.00 horas e conta con dúas profesionais ao seu cargo. De feito, non descartan poder ofrecen en próximas datas o servizo de comedor.
A dirección do PAI está ao cargo da educadora social Alba Pernas que aposta pola tranquilidade, a aprendizaxe, as rutinas e a independencia.
A instalación está distribuída nun espazo de xogos, que ten moita luz e liberdade, e noutra zona polivalente que tamén fai as veces de comedor. Non faltan as actividades feitas en colaboración cos pequenos do colexio o que fai menos traumático o cambio ao seguinte ciclo.
No PAI trabállase cunha programación de aula na que o gran protagonista é O monstro das cores, o personaxe que permite coñecer as emocións. Tamén celebran actividades relacionadas co ciclo do ano, os cambios de estación ou festividades como o Nadal, o Entroido ou os Maios.