O Papa recibe un agasallo e información sobre o 50 aniversario do belén de Begonte
O Papa Francisco recibiu onte de mans do alcalde de Begonte, José Ulla, e do tenente de Alcalde, Luis Luaña, un recordo e tamén unha explicación sobre o Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego, que cumpre este ano 50 anos de vida, cando no 1972 foi fundado polo crego local, José Dominguez Guizán, e o artista José Rodríguez Varela.
Unha comisión formada por persoeiros da localidade, á fronte da que estaba o alcalde, fixo entrega ao Papa dunha escultura do artista lucense César Lorenzana, que non é outra que unha maqueta do monumento que se vai instalar na praza Irmáns Dominguez Guizán, á beira do belén, como primeiro dos elementos que van situarse en cada unha das parroquias do Concello como símbolo de que todos os camiños de Begonte conducen ata o Belén.
E este primeiro monumento reflicte, precisamente, unhas botas de peregrino ou camiñante que, procedente de calquera punto de Begonte, de Galicia ou do mundo, ten por destino o Belén de Begonte. En entre outras das accións que se organizarán para celebrar este aniversario está a elaboración dun mural a través de Diego As que se situará na N-VI.
Durante a breve charla co pontífice, aproveitaron para invitalo a visitar Galicia, entregáronlle ampla información sobre o Belén: O libro publicado na colección Everest, libro con traballos premiados nos certames, programas, sinaladores de lectura e un pen coa gravación que en galego, castelán e inglés figura na web www.belendebegonte.es, gravado pola Fundación Tic da Deputación Provincial de Lugo.