O Parga Rock mantén o seu compromiso coa proxección das bandas galegas
A Asociación Sociocultural Feira dos Callos de Parga e a deputada de Cultura Iria Castro presentaron no Pazo de San Marcos a sétima edición do Parga Rock, que se celebrará o 6 e 7 de setembro na Carballeira de Parga, en Guitiriz. Ángelus Apátrida, a banda española de transmetal máis internacional en pleno tour por capitais europeas como Hamburgo, Milán, Viena ou Madrid, encabeza o cartel do festival, no que tamén destaca o grupo vasco The Wizards, unha vella aspiración da organización que se cumpre este ano, e o alemán Twisted Rose.
O festival mantén o compromiso coa proxección das bandas galegas con Sonora Balkumbiera, The Lelli Kelly’s, Liviao de Marrao ou o grupo novel Demencia Social. O cartel complétase cos cataláns Metallijam e Cowboys from Jam. A asociación de Parga, impulsada polo interese de reivindicar o rural e poñer Parga e a contorna do seu río no mapa e promotora doutras iniciativas culturais e sociais, conseguiu consolidar o festival no panorama underground e metaleiro do país, mantendo a aposta pola gratuidade, que o converte no único festival deste xénero de balde no país.
A deputada de Cultura Iria Castro valorou “a achega que a asociación fai á axenda musical e cultural da Terra Chá e de todo o país cun festival para o que miran grupos e promotores doutros países europeos como mostra o cartel deste ano” e reiterou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coas propostas do tecido asociativo”.
A organización tamén pon atención ás novas xeracións, co Parga Rock Enxendriños, un espazo e actividades para público infantil – a cargo de Trécola- co que buscan facilitar o achegamento de nenas e nenos a estes xéneros musicais. O recinto do festival conta tamén con zona de acampada.