O Parga Rock presenta o seu novo merchandising cunha gran sesión vermú en Parga

O Parga Rock volve un ano máis cun dos eventos máis esperados polos seus seguidores: a presentación oficial do merchandising 2025. A cita será este sábado 7 de xuño en Parga, onde se celebrará unha xornada chea de música, humor e boa compañía.
Para esta ocasión, está preparada unha festa que promete non deixar a ninguén indiferente. O evento contará con música en directo a cargo de Collón de Lola e unha versión reducida pero igual de potente de The Lakazans baixo o nome de Sabela King & Heartbreakers. E como non podía ser doutra maneira, tamén estará DJ Coutinho, que volverá poñerlle ritmo á celebración con sesións que farán vibrar a todo o público.
Desde a organización animan a todo o mundo a achegarse a Parga para descubrir as novidades do novo merchandising e gozar dunha festa que xa se converteu nun clásico.